Skip to main content

O embarrancamento no Rañal da plataforma "Príncipe Bernardo"

Un dos puntos de maior atractivo turístico do Paseo Marítimo de Arteixo é o "Monumento ao Voyeur", obra da autoría do escultor Enrique Saavedra que está situada enriba do chamado Pichón da Bogueira, no litoral do Rañal, lugar no que aínda se poden ver, cando o mar o permite, algúns dos restos da plataforma holandesa que embarrancara alí nos anos oitenta.

A historia deste sinistro principia a finais do mes de decembro de 1984. Por aqueles días, o remolcador Smit Houston partía do porto de Rotterdam para se dirixir cara ao Brasil. Tiña que atravesar o Atlántico remolcando o dique flotante Príncipe Bernardo, que ía suspenso en dúas gabarras, a Subeift Pacific e a Giant I. O dique era unha impresionante masa de aceiro de 265 metros de longo por 20 de alto e tiña que ser transportado ata unhas instalacións dedicadas á reparacións de navíos nuns estaleiros próximos a Río de Janeiro. O remolcador pertencía á empresa holandesa Smit Tak compañía que, desde a súa fundación, fórase convertendo na máis importante e prestixiosa do mundo nas áreas de remolque, rescate de naufraxios e na protección do medio ambiente por accidentes de transporte.

Após cruzar o Canal da Mancha e deixar atrás a Bretaña francesa, sen superar en ningún momento as dúas millas por hora de velocidade, a tripulación do Smit Houston tiña previsto facer escala no porto da Coruña para pasar alí a Noiteboa e, para tal fin, a casa consignataria Molina, representante na cidade herculina da compañía Smit Tak, xa recibira instrucións para tramitar a entrada no porto coruñés do remolcador e dos 265 metros de estructura metálica que transportaba.

Rañal
Imaxe da metade do dique Príncipe Bernardo que embarrancou no Rañal

Mais a devandita entrada nunca chegaría a producirse por mor dun accidente acontecido ese mesmo día, 24 de decembro, a unhas 120 millas ao noroeste do Cabo Prior. A causa do forte temporal que naqueles últimos días de 1984 azoutaba a costa norte da península, a forte presión que as ondas exercían sobre o dique flotante Príncipe Bernardo, provocaría que se partise pola metade, quedando á deriva a parte traseira, que ía suspensa na gabarra Giant I, mentres a dianteira continuaba suxeita ao Smit Houston. A tripulación do remolcador non sería quen de evitar a quebra do dique, risco que existía desde o momento en que as condicións do mar eran tan adversas. Aínda así, fixéronse tentativas por recuperar a parte do dique que quedara solta, mais o mar embravecido faría inútiles todos os esforzos. Mesmo se chegara a botar unha Zodiac para tentar restablecer amarras, mais as ondas envorcaríana sen que afortunadamente houbese que lamentar vítimas. Cento dez metros de estrutura metálica quedaban definitivamente á deriva nunha das zonas de máis intenso tránsito marítimo do Atlántico, unha masa de aceiro que se ía aproximando perigosamente cara as costas coruñesas.

Durante as primeiras horas do día de Nadal de 1984, as emisoras costeiras emitiran mensaxes da Comandancia de Mariña de Vigo alertando do perigo que supoñía para a navegación a existencia dunha metade do dique Principe Bernardo navegando á deriva frente ao litoral galego. No día 26, os remolcadores Punta Tambo, da compañía Remolques Marítimos de Ferrol e o Remolcanosa Cinco, con base na cidade olívica, saían dos seus respectivos portos, pouco despois de ser contratados pola Smit Tak, para acudir ao rescate da estrutura metálica á deriva. O Punta Tambo conseguiría contactar con esta parte do dique ás cinco e media da tarde e navegou ao seu carón ata que este xa estaba a poucos metros do litoral de Arteixo. Eran pouco antes das dez da noite e os dous remolcadores galegos quedarían xa á expectativa mar adentro.

Rañal
Desmantelamento do dique perdido no Rañal (Foto Manuel Santa Cruz)

Segundo algúns veciños do Rañal, xa na última hora da tarde do mércores, podíase avistar a considerable distancia da costa como se aproximaba "algunha cousa" que navegaba moi devagar. Estes veciños contarían que o embarrancamento definitivo da metade do dique produciríase polas dúas da madrugada do xoves, día 27. "O estrondo foi enorme; un pouco máis tarde o mar debeuno retirar augas afora e posteriormente voltaría a batelo contra as rochas, o que provocou outro grande estrondo. Parecía increíble que aquela cousa pudese quedar montada sobre A Bogueira de semellante xeito", comentaba Adolfo Vázquez.

Coa claridade do día, podíase ver que a metade do Príncipe Bernardo suspensa na gabarra Giant I encallara na zona que comprende o Pichón da Bogueira (onde hoxe está o enorme anteollo) ata a entrada do Carreiro e quedara levemente escorada sobre as rochas e cara a terra. O embarrancamento coincidía coa subida da marea, o que provocaba que a gran masa de aceiro se movese moi bruscamente, ameazando con dar un xiro sobre sí mesma de 180 grados. Curiosamente, mentres as autoridades da Mariña española manexaban unhas informacións moi confusas, a axencia estatal de noticias holandesa xa difundira un comunicado dando conta do accidente do dique, comunicado do que se farían eco todos os medios de comunicación de Holanda. Durante aquel 27 de decembro de 1984, gran cantidade de veciños e veciñas da bisbarra acudirían ata o Rañal para vez a plataforma, visitas que durarían varias semanas.

Unha vez que tiveron coñecemento do embarrancamento da metade do dique, seis técnicos da Smit Tak trasladaríanse ata A Coruña nun voo especial que aterraba ás 11:30 da mañá do mesmo día do sinistro no aeroporto de Alvedro. Nada máis chegar, serían recibidos polo persoal da casa consignataria Molina e, pouco despois, desprazaríanse ata A Bogueira para estudar as posibilidades de recuperación dos 110 metros encallados do Príncipe Bernardo. Após as primeiras observacións, os técnicos holandeses mostrábanse escépticos sobre as posibilidades de recuperar a estrutura metálica, que xa tiña graves danos por mor do efecto do mar e polos golpes contra as rochas da zona da Bogueira. O venres 28, un dos técnicos trasladábase ata Vigo para agardar pola chegada do remolcador Smit Houston e pola outra metade do dique, que tiñan previsto chegar á cidade olívica na madrugada do sábado. Dos outros empregados da Smit Tak, tres regresarían a Rotterdam e os outros dous permanecerían en Arteixo, onde continuarían avaliando as posibilidades de refrotamento da plataforma.

Tras varios días de observacións, os técnicos elaborarían un informe no que lle comunican á compañía que o salvamento era imposible e posteriormente, tanto os 110 metros do Príncipe Bernardo como a gabarra Giant I, serían despezados pola Santa Cruz, unha empresa que se dedicaba ao desmantelamento de barcos e que, naquela altura, tiña as súas instalacións no Polígono Industrial de Sabón.

Rañal
Vista actual da zona do sinistro