Skip to main content

ButacaZero leva ao teatro a memoria do pobo galego

Carolina viaxa de cara aos EEUU. Daiana, neta dunha emigrada galega, volve da Arxentina. Comparten asento no aeroporto. E entre elas, debúxanse milleiros e milleiros de #camiños. Camiños que unen as aldeas coa cidades, os poemas de Rosalía coa música electrónica, o spinning co churrasco, e as fotos viradas sepia coas que acabamos de colgar en ínstagram. 

O argumento de #camiños, que hoxe chega a Arteixo da man de ButacaZero, pretende da resposta a preguntas como Quen somos os galegos do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado?

Para tecer este mapa, ButacaZero bota man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.

#camiños, dirixida por Xavier Castiñeira a partir dun texto de Esther F. Carrodeguas, é unha obra para público adulto a partir dos 13 anos. A entrada é de 4 e 3 € e a venda de entradas efectuarase o propio venres en horario de 11:30-13:30 e 2 h antes da función.