Skip to main content

Manuel Murguía

Hai varias hipóteses sobre o nacemento en Arteixo do noso ilustre veciño Manuel Murguía. Unhas afirman que a súa nai, dona Concepción Murguía Egaña, se desprazara da Coruña ata o xa daquela frecuentado Balneario arteixán na primavera de 1833 para tomar as augas termais e prepararse para o parto do seu futuro fillo. Outras fontes apuntan que, estando hospedada nos Baños, a nai do futuro patriarca das Letras Galegas decidira visitar o Santuario de Pastoriza e no percorrido, á altura de Oseiro, as dores do parto obrigárona a pedir axuda nunha das casas do lugar. Mais tamén hai informacións que nos indican que o nacemento de Murguía no concello arteixán non foi casual.

O sacerdote e historiador Manuel Blanco Rey opina que os pais do persoeiro eran amigos de Antón Pan e frecuentadores da súa casa. Este motivo de amizade e mutua cordialidade -sostén Blanco- entre ambas as familias, explicaría o nacemento de Manuel Murguía no lugar de Froxel. Ademais o feito de que o dono da casa sexa o padriño do recén nacido e lle impoña, como segundo, o seu propio nome reforza, de algunha maneira, as miñas propias sospeitas”.

Murguía
Casa na que naceu Murguía

 

Do mesmo xeito, a voa materna de quen escribe, Carme Pan Pan (1913-1999), "Carme do Médico", escoitou na súa casa de Froxel cando era nena informacións que dicían que os pais do historiador eran amigos do seu tataravó Antón Pan, un home que iniciara estudos en farmacia ou medicina mais que nunca chegara a rematalos. "Era médico sín título", dicía de xeito habitual Carme Pan, que tamén falaba con frecuencia dun baúl cheo de "libros de médicos" que había na casa na que nacera e se criara, a mesma na que viñera ao mundo oitenta anos antes Murguía.

Murguia
Imaxe dos anos 30 da aldea de Froxel

Ao parecer, Antón Pan fixérase amigo do pai do patriarca das nosas letras, o boticario Xoán Martínez de Castro, cando os dous principiaran os seus estudos, amizade que levaría a Antón a ser o padriño do neno que nacera na súa casa de Froxel o 17 de maio de 1833 e que se bautizaba ao día seguinte no Santuario de Pastoriza co nome de Manuel Antonio Martínez Murguía (o feito do segundo nome de Murguía é outra proba máis desa amizade cos pais do historiador que, no momento do nacemento do cativo estaban aínda solteiros).

Xoán Martínez de Castro era farmaceutico na rúa Garás da Coruña e estableceuse despois, sobre o ano 1837, en Santiago de Compostela. Será neste lugar precisamente onde o neno Manolito Murguía presencie os sucesos do 23 de abril de 1846: o pronunciamento progresista que iniciara Miguel Solís nos primeiros días dese mes de abril en Lugo contra o goberno de Narváez e do que os derradeiros feitos aconteceran nas rúas de Compostela, algúns deles diante da propia casa da familia Martínez Murguía. Este fracasado levantamento (que rematou co fusilamento dos oficiais en Carral) confluiría politicamente coa primeira manifestación do galeguismo, que Murguía narrará máis tarde nun artigo titulado "La Voz de Galicia" cun enorme sentimento.

Manuel Murguía principia a estudar bacharelato na universidade a partir de 1845, concluíndo o bacharel en filosofía en 1850 e, ao mesmo tempo, o curso preparatorio de Medicina e Farmacia, que iniciara por desexo do pai. Mais él tiña moi claros os seus gustos e, deste xeito, o interese pola literatura e a historia faríano abandonar a carreira para dedicarse plenamente co seu labor de escritor e investigador. Nestes anos, a vida cultural de Compostela xiraba entorno ao "Liceo de la Juventud", onde se daban cita estudantes e intelectuais como Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre ou Rosalía de Castro.

Murguia
Manuel Murguía en 1918

En 1850 trasládase a Madrid para estudar Farmacia e alí relaciónase con intelectuais como os irmáns Valeriano e Gustavo Adolfo Bécquer ou Alejandro Chao. Catro anos despois publica o seu primeiro texto en galego (o 1 de xuño de 1854) no álbum de Elena Avendaño, unhas seguidillas tituladas "Nena das Soidades". En 1855 publica por entregas a súa primeira novela: "Desde el cielo" e tamén colabora en xornais e revistas madrileñas da época como "La Iberia" e "Las Novedades", nos que acadaría un notable éxito que lle permitiría publicar folletíns con obras como "Mientras duermo", "Mi madre Antonia", "El ángel de la muerte" e "Los lirios blancos" .

En Madrid tamén coñecería a Rosalía de Castro. Ao escribir unha crítica de "La flor", o primeiro poemario de Rosalía, a relación entre ambos os dous foise estreitanto ata o punto de ennoivaren e, o 10 de outubro de 1858, casaban na madrileña igrexa de San Ildefonso. É indubidable que Murguía foi unha peza de apoio intelectual e social para Rosalía. Dende o principio, animouna na súa carreira literaria e na publicación de obras como "Cantares gallegos", considerada o inicio do Rexurdimento literario galego, e mesmo chegou a publicar algunha obra súa sen o seu consentimento.

A publicación de Cantares Gallegos considérase o arranque deste período do Rexurdimento pleno, un libro que continuamos a ter moi presente xa que o Día das Letras Galegas que celebramos cada ano, ese día de exaltación da lingua galega a través da súa manifestación literaria, comezou a celebrarse o 17 de maio de 1963 coincidindo co centenario da primeira edición da devandita obra. Rosalía de Castro asinara o 17 de maio de 1863 o limiar de Cantares Gallegos por ser o trixésimo cumpreanos do seu marido Manuel Murguía, nado en Froxel (Oseiro, Arteixo) o 17 de maio de 1833.

Murguia
Murguía e Rosalía cos seus fillos

Algo que debemos considerar como o primeiro puntal do Rexurdimento foi o cambio operado en Murguía cando deixou o labor creativo, tras acadar un grande éxito, para se dedicar por completo á investigación histórica e á divulgación desta, así como a difundir o ideario político xurdido, principalmente, das súas investigacións.

En 1859 o matrimonio trasládase a Compostela, e con motivo do nacemento da súa primeira filla, en maio, publica
"La primera luz", un libro de lecturas escolares estructurado en vinte temas de historia e xeografía, que o Ministerio de Fomento recomendou para o ensino nas escolas galegas. Esta obra sería reeditada en Lugo en 1868.

En 1862 Murguía remata o seu "Diccionario de escritores gallegos" e tres anos máis tarde edita o primeiro tomo da súa "Historia de Galicia". Na revolución de setembro de 1868 sería secretario da Xunta Revolucionaria de Santiago e despois nomeado director do Arquivo de Simancas, en 1870 xefe do Arquivo Xeral de Galicia ata 1875, sería director de "La ilustración gallega y asturiana" (1879) e máis tarde, no 1885, Cronista Xeral do Reino. No 86, ao ano de morrer Rosalía, publica "Los precursores", obra na que fai unha descrición de varios personaxes da vida cultural galega. En 1890 dirixe xunto con Alfredo Brañas "La patria gallega", boletín onde se deron as primeiras claves do que ía ser co tempo o pensamento rexionalista galego. Tamén neste mesmo ano, Murguía publica durante uns Xogos Florais en Barcelona un discurso no que fala do sentimento histórico e cultural diferenciador da súa terra que foi moi aplaudido e que fixo que o nomeasen "Mestre en Gay Saber".

Pouco despois sería nomeado presidente da Asociación Rexionalista Galega (ARG), a primeira organización política de signo decididamente galeguista. Nos Xogos Florais de Tui de 1891, organizados pola ARG, faríase reivindicación do uso propio do galego, lingua en que Murguía pronuncia o discurso inaugural:

¡O noso idioma!, o que falaron nosos pais e vamos esquecendo, o que falaron os aldeáns e nos achamos a punto de non entendelo.

Manuel Murguía sería destinado en 1892 á Biblioteca Universitaria de Compostela, posto que exercería ata a súa xubilación en 1905.

Con 72 anos xorde en Murguía a idea de crear unha Academia Galega da Lingua, idea que comunicou a outros escritores que se daban cita nunha libraría da Coruña coñecida co nome de "A Cova Céltica". Tamén, no noso protagonista, xurdiría a teima de crear un dicionario da lingua galega, porque se sentía falto de vocabulario; se cadra, a inexistencia deste dicionario foi determinante para que a súa obra en galego fose tan escasa. O día 25 de agosto de 1906 aprobouse a creación da Real Academia Galega, que presidiría ata a súa morte.

O día 1 de febreiro de 1923, a piques de cumprir 90 anos, Manuel Murguía finou na súa casa da rúa de Santo Agostiño da Coruña, sendo soterrado no camposanto de San Amaro. Curiosamente, dez meses antes do seu falecemento, o 30 de Marzo de 1922, Murguía desprazábase ata o Santuario de Pastoriza para presenciar o casamento da súa filla Gala co matemático Pedro Izquierdo, que dedicaría certo tempo a investigar a orixe galega de Cristobal Colón. Manuel Murguía, que asistira á cerimonia case en volandas por mor dunha lesión que lle impedía andar, bromearía durante o casamento co feito de que era a segunda vez que entraba en brazos no Santuario. A primeira fora o 18 de maio de 1833, o día do seu bautizo, poucas horas despois de que nacera en Froxel na casa de seu padriño Antón Pan.

Varias décadas máis tarde, en 1952, Alejandra Murguía, unha das fillas do matrimonio visitou a casa de Froxel na que nacera seu pai en 1833, unha casa da que, por infortunio, nada se conserva actualmente, só as imaxes tomadas polo fotógrafo coruñés Cancelo en 1933, nunha homenaxe realizada pola Real Academia Galega con motivo do centenario do nacemento do noso ilustre veciño.

Xa máis recentemente, o Concello de Arteixo crearía o certame Manuel Murguía de narracións breves, un premio literario organizado polo Departamento de Cultura desde 1991, para lle render homenaxe ao persoeiro arteixán, un persoeiro ao que se lle adicaría o Día das Letras Galegas do ano 2000 e que tamén da nome ao Instituto de Educación de Secundaria da capital do municipio e a unha Asociación de Veciños da parroquia de Oseiro.