Skip to main content

Máis de mil persoas comezan mañá a actividade do programa "Cultiva o teu lecer"

O programa de actividades sociais "Cultiva o teu lecer" comeza mañá 1 de outubro con 1.100 participantes e quince modalidades distintas de actividade. 

Os centros de Freán, Meicende, Froxel, Pastoriza, Baiuca, local de Educación e Lañas son os primeiros en se sumar á actividade aos que, paulatinamente e ao longo da semana, se incorporará o resto de sedes. 

"Cultiva o teu lecer" acolle 84 grupos de persoas que participarán nos diferentes Centros Municipais ao longo dos 8 meses de duración do programa. O programa desenvólvese en todas as parroquias. Consolidáronse 15 modalidades diferentes de actividades, coa posibilidade de elixir desde arte floral ata sevillanas, pasando por restauración, pintura, pandeireta, manualidades, labores, hip- hop, expresión teatral, estimulación articular, danzas do mundo, canto grupal, palillos, bailes de salón, e baile moderno.

Ao longo do curso tamén se realizan actividades complementarias derivadas da propia dinámica do programa: encontros de panxoliñas, serenatas por amor ao canto, actuacións de expresión teatral, encontros de corais, certame de habaneras, exhibicións de bailes por modalidades, mostras-exposición artísticas, talleres destinados á celebración da Feira 1900, galas de remate de curso e celebracións solidarias con grupos de participantes.

O obxectivo fundamental é a dinamización e participación social, a través da oferta dun amplo abano de actividades que pretenden atender aos intereses e necesidades das cidadanía.

Servizos Sociais indica que todavía existen algunhas prazas dispoñibles para ocupar as vacantes que se produciron, e para iso, pódese realizar a inscrición a partir do 1 de outubro en diante.