Skip to main content

Cancelada a función "Os nenos da varíola"

Este venres 15 de xaneiro ás 20:00 h contamos no Auditorio de Arteixo cunha delicia de espectáculo teatral a cargo da compañía Pérez&Fernández, "Os nenos da varíola"; unha obra recomendada para maiores de 8 anos, que aborda unha temática de máxima actualidade: A VACINA para facer fronte a unha pandemia.

En moi poucas ocasións é máis verdade que nesta que a realidade supera á ficción. Calquera creador de historias soñaría con imaxinar unha trama tan redonda e poderosa coma esta epopeia que ocorreu en Galicia, e que salvou ao mundo enteiro dende o porto da Coruña.

SINOPSE:

O 30 de novembro de 1803 a Real Expedición Filantrópica da Vacina parte dende o porto da Coruña. Vinte e dous nenos procedentes de orfanatos de Madrid, Santiago e A Coruña conforman unha cadea humana “brazo a brazo” para facer chegar a vacina contra a varíola aos territorios de ultramar nunha das maiores xestas médicas levadas a cabo na historia da humanidade.

"Os nenos da varíola" é unha peza teatral con altas doses de realidade histórica, tenrura e humor que toma como eixe central a vida dos nenos da Casa de Expósitos da Coruña e como chegaron a ser os heroes da Real Expedición Filántropica da Vacina, na que a súa heroína máis esquecida convertíuse nun dos piares máis importantes da expedición, a reitora da Casa dos Expósitos: Isabel Zendal.

As actrices Victoria Pérez e Isa Risco e os actores Manu Fernández e Xose Leis interpretan á ducia de personaxes que protagonizan esta historia: as monxas da Casa de Expósitos, os doutores Balmis e Posse Roybanes, os nenos protagonistas da ficción de María Solar, e a muller que finalmente fixo posible que esta Real Expedición Filantrópica se fixera realidade, Isabel Zendal.

CONTEXTO HISTÓRICO:

A VARÍOLA
Poñámonos en antecedentes. Temos a un inimigo poderosísimo: a varíola, que no século XVIII xa acabara co 10% da poboación europea, que mataba a un de cada tres dos que infectaba e deixaba aos outros dous con horribles secuelas, e que saltara con nós ao novo mundo e borraba soprido a soprido a civilizacións enteiras. América enteira pide axuda a Carlos IV. Pídelle hospitais, pídelle que poña tódolos esforzos do reino contra unha varíola que non discrimina entre ricos e pobres.

A VACINA
É unha historia con serendipidade. Serendipidade que en 1796 golpea, como no seu momento a Arquímedes ou Newton, ao humilde médico rural inglés Edgar Jenner. O señor Jenner descobre que as campesiñas recolectoras de leite eran contaxiadas por unha especie de varíola que resultaba menos mortífera e, polo tanto, inmunizaba ás granxeiras contra a varíola humana. Jenner toma a mostra da varíola dunha granxeira e a inxecta nun neno de 8 anos. O neno enferma pero ás 48 horas recupérase totalmente, quedando inmunizado. Vacuna/ vacina ven de vaca.

BALMIS
É coñecida a existencia da cura no norte de Europa, unha cura polémica porque mesturar fluidos animais con fluidos humanos é sacrílego. Pero, como a transportamos se non hai cadea de frío? O primeiro que se propón é levar vacas infectadas do norte de Europa en barco, pero Godoi contén tal iniciativa pola súa obxetiva imposibilidade. É entón cando Balmis suxire que o único vacinífero posible son os nenos.

OS EXPÓSITOS
Esta tamén é uha historia con nenos. Pero, quen vai deixar os seus fillos para que os usen como envases non retornables?
Os expósitos están un escalón por debaixo dos nenos orfos na escala de prezos da vida humana. Na Coruña de 1803 viven 15.000 persoas, das que 1.081 son expósitos. Abandonábanse dous á semana, algúns con laciños de cores que os identificasen, pretendendo simular que algún día volverían a por eles, pero case nunca volvían. O 70% dos expósitos morren.
O proxecto de Balmis é o seguinte: Inoculábase o virus no brazo dun neno, en 8 ou 9 días emerxía unha pústula, desta pústula extraíase o líquido co que se inoculaba ao neno seguinte, que conservaría fresca a vacina no seu propio organismo ata que saía a súa propia pústula, e así sucesivamente brazo a brazo.
Con esta técnica, Balmis trae de Madrid á Coruña 6 nenos nun pesado viaxe en dilixencia. Para viaxar a América precisará 22 nenos en total. Pero neste traxecto danse conta de que ningún dos científicos da expedición sabe coidar nenos.

ISABEL ZENDAL
Esta é unha historia con heroína: Isabel Zendal. Reitora da casa de Expósitos da Coruña, unha das persoas esquecidas pola historia ata que os achádegos documentais do periodista Antonio Lopez Mariño nola devolven con todo o seu esplendor. Sen expósitos non hai Expedición, sen a persoa que os coide tampouco. Inda que as mulleres por superstición non poden subir aos barcos, Isabel Zendal acada un permiso especial da coroa que lle permite facelo como enfermeira: a primeira enfermeira internacional en misión humanitaria da historia.

MARÍA SOLAR
No seu libro, María Solar agasállanos contándonos unha das mais relevantes historias da humanidade dende o punto de vista do máis relevante desta historia: os nenos.
En "Os nenos da varíola” (8ª edición en galego, 4ª en castelán e 2ª en catalán), María Solar ábrenos a posibilidade de empregar esta incrible historia, que ocorreu aquí, dende aquí e para o mundo, como ferramenta de exemplo para xeracións que parten desde a idade que tiñan algúns daqueles expósitos, facéndoa comprensible e útil pra eles, porque non hai nada máis importante que facer crer a calquera neno que en calquera momento pode converterse no neno máis importante do mundo.

Pincha aquí para ver o vídeo promocional: https://youtu.be/L9jxalGbuF8

Neste enlace tamén podes atopar máis información: https://urdime.gal/project/os-nenos-da-variola/