Skip to main content

Arteixo celebra o Día Internacional do Teatro con varios espectáculos gratuitos

A COVID non pode co teatro en Arteixo. O virus impedirá que se leve a cabo unha nova edición, sería a XXII da Mostra de Teatro Afeccionado aínda que non deixará de haber teatro. Con motivo do Día Internacional, o próximo 27 de marzo, a concellería de cultura propón unha serie de actividades totalmente gratuítas ao longo de toda a fin de semana. 

O venres 26 de marzo chega o Don Juan Tenorio da man da compañía coruñesa Noite Bohemia. Para esta ocasión preséntanos unha innovadora e ambiciosa montaxe que recorre aos avances no audiovisual para lograr un forte dinamismo na escena ao recrear os decorados en 3D a través do videomapping. O apartado musical correrá a cargo do coro El Acorde Secreto dirixido por Daniel García Artes. O piano e o coro de voces masculinas e femininas, darán viveza e realismo ao apartado musical. E para completar e engrandecer o labor actoral e musical, Mercedes Suárez, exdirectora do Centro Coreográfico Galego, dirixirá os bailaríns do Ballet Druída, que levarán a cabo coreografías onde o espectador poderá ver como se fusiona o teatro, a música e a danza nun espectáculo único con grandes doses de expresión corporal.

O domingo 28 de marzo, grazas a colaboración da Deputación da Coruña, contaremos co espectáculo “32 m²" da compañía ButacaZero, encabezada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, coa que se nos convida a lembrar con humor os pasados días de confinamento a través da experiencia dunha parella no seu piso de 32 .

A sesión servirá ademáis para homenaxear a Gustavo Pernas, dramaturgo residente neste concello , en Santa. Icía, durante moitos anos e falecido en 2018.

Ambas funcións serán ás 20:00 h no Auditorio de Arteixo e para poder asistir é preciso recoller invitación 1 h antes de cada obra na billeteira do Centro Cívico até completar a capacidade da sala.

A exposición  "Outra pel, outro rostro" da fotógrafa Cris Andina completará este grupo de actividades dende o 27 de marzo e ata o 30 de abril. Trátase dunha mostra, que se poderá visitar na sala de exposicións do CCC de Arteixo, que reúne unha  colección de máis de 50 obras que pretenden ser unha homenaxe e reivindicación da figura das actrices e actores de teatro.