Skip to main content

Ningún concello coruñés ten máis bandeiras azuis que Arteixo

Galicia mantén a súa posición no número total de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 113; que se eleva a 131 distincións para praias e portos deportivos; polo que a sitúa na segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 129 distincións.

Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 25% (24,3) das 579 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade catalana (95 bandeiras).

Na provincia da Coruña é o municipio de Arteixo o que máis recoñecementos deste tipo obtén este ano, con sete; seguido de Boiro, con seis areais distinguidos. Camariñas e Ponteceso volven a sumarse á lista de concellos con areais galardoados coa praia de Arou   e de Valarés, Ermida e Osme, respectivamente. Arteixo tamén conserva este ano a distinción de sendeiro azul para a súa senda litoral. 

Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego con máis bandeiras azuis, con 11 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que mantén as 9 acadadas en 2016; e a recuperación da bandeira azul para a praia da A Concheira e A Ribeira, en Baiona; e de Panxón, en Nigrán.

Galicia tamén recibe a distinción para 15 centros azuis, dun total de 71 en toda España. 

En relación aos portos deportivos, en 2017 Galicia obtén 18 galardóns, dos que oito son das provincia de Pontevedra, outros oito da Coruña e dúas de Lugo.