Skip to main content

O Concello e a Consellería de Sanidade acordan a reforma do centro de saúde

O alcalde Carlos Calvelo e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asinaron hoxe un convenio de colaboración que establece as bases que permitirán desenvolver as obras de reforma do centro de saúde de Arteixo, un edificio xestionado polo SERGAS pero que ten como titular ó concello dende que finalizara a súa construcción no ano 1991.

A reforma prevista suporá un investimento total de 279.000 euros dos que a administración local aportará 219.000 e que servirán para reformar a fachada do edificio. O SERGAS colaborará con outros 60.000 euros que se adicarán á reforma e ampliación do Punto de Atención Continuada (PAC) do centro. 

A reforma do Centro de saúde de Arteixo é unha demanda histórica do municipio que comezara a súa reclamación hai máis de dez anos e antes da construcción e posta en marcha do centro de saúde de Vilarrodís. O edificio actual, de planta baixa e primeira, presenta evidentes desperfectos na fachada, acentuados co paso dos anos, sobre todo no que respecta á cuberta e ó material porcelánico que a recubre. 

A obra permitirá a recuperación total das fachadas coa reparación das fisuras actuais e a colocación dunha nova con paneles trasventilados cerámicos de gran formato, que terán unha maior resistencia á abrasión e unha reducida absorción de auga.