Skip to main content

A Escola de Música chega este curso ata Meicende

A Escola de Música amplía a súa formación a unha nova sede en Meicede que se sumará así ás habituais ensinanzas que xa se imparten en Arteixo. 

A oferta inicial da nova sede irase ampliando en cursos sucesivos ata dispoñer de todos os cursos, adaptándose aos intereses que manifesten as persoas interesadas en ser as pioneiras deste expansión da Escola.

O próximo 3 de outubro abrirase o prazo de preinscrición para as seguintes materias: 

 

  • Música e Movemento para infancia con distintos grupos de idade. A formación nestes niveis promociona o achegamento á música, os seus elementos e a súa interrelación co desenvolvementos físico a través do ritmo. Os grupos son os seguintes:
    • Iniciación I para nados no 2013
    • Iniciación II para nados no 2012
    • Básica I para nados no 2011
    • Básica II para nados no 2010
  • 1º curso do grao elemental que incluirá como materias obrigatorias a linguaxe musical (actividade en grupo) e a práctica instrumental coa elección dun instrumento. Para acceder a este nivel o alumnado ten como único requisito ter nado no 2009 ou en anos anteriores.

Os instrumentos que se poden elexir (1 por persoa) son os seguintes: Acordeón, Canto, Clarinete, Frauta traveseira, Gaita, Guitarra, Percusión, Piano, Saxofón, Vento-metal, Violín, Violonchelo.

Para a adxudicación de prazas (25 prazas totais) aplicarase o mesmo sistema que na sede de Arteixo: sorteo e lista de agarda por rigurosa orde.

Coa finalidade de ampliar a formación dos participantes, ofértanse as actividades de conxunto que se imparten na sede central da Escola (Arteixo) e que son as seguintes:

  • Aula Folk
  • Combo
  • Coro infantil
  • Coro adultos
  • Banda de música

Neste curso póñense en marcha novas iniciativas que supoñen unha oportunidade para a expansión dos coñecementos musicais prácticos e afianzamento dos coñecementos teóricos. Estas actividades tamén se poderán disfrutar na sede central. Son as seguintes:

  • Orquestra como nova agrupación que ten como obxectivo o traballo en grupo.
  • Actividades complementarias con obxectivos, metodoloxías e didácticas ben diferentes:
    • Tecnoloxía musical: unha actividade semanal que utilizará os recursos tecnolóxicos en educación musical, medios audiovisuais, informática musical para conectar a creatividade coa producción musical.
    • Educación auditiva e vocal (para cursos específicos polas características da materia): formación complementaria de reforzo na formación teórica.
    • Musicoterapia:  actividade semanal con grupos de participantes reducido, a través da que se promove a comunicación, a aprendizaxe, o movemento, a expresión e/ou a restauración de funcións persoais a través da prevención, da rehabilitación e o tratamento terapéutico.

As prazas son limitadas polo que nalgunhas das actividades ofertadas terá preferencia o alumnado da Escola.

As persoas interesadas en inscribirse en calquera actividade teñen de prazo do 3 ao 11 de outubro na sede central da EMMArteixo (Centro Cívico de Arteixo) nos horarios de atención ao público que son os seguintes:

horarios

 

Documentos: