Pasar al contenido principal

Turismo científico. Paseo xeolóxico

A Concellaría de Promoción e Desenvolvemento que dirixe Patricia Amado Varela vai desenvolver o Paseo Xeolóxico “Ríos, mares e praias antigas” o vindeiro 17 de novembro pola costa de Arteixo e a inscrición pódese realizar na Oficina de Información ou chamando ao 981 659 177.

Este paseo estará guiado polo colectivo Olho de Sapo. Os expertos xeólogos explicarannos o significado de aspectos do noso patrimonio para adquirir máis información sobre o mesmo e para que aprendamos a valorar o territorio que habitamos.

Falarannos dos tres campos de dunas existentes no areal de Sabón, como se forman e do seu alto valor xeolóxico e biolóxico, estannos a contar a historia dos últimos cinco millóns de anos.

De camiño ao areal de Valcovo onde rematará este paseo iremos vendo furnas escavadas nos cantís pola poderosa forza do mar. As furnas da costa arteixá tamén son moi antigas. As actuais están datadas cuns 6.000 anos de idade. Remataremos en Valcovo onde hai unha falla de desgarre ou de desprazamento horizontal.

Todo este manto pétreo que iremos vendo aparece en parte nú e en parte cuberto pola vexetación, así que veremos unha gran variedade de formas, cores e texturas o que ocasiona que a natureza debuxe diante de nós unha abraiante acuarela imposible de reproducir en calquera outro formato, así que esta é unha boa ocasión para descubrirmos os encantos de parte do litoral arteixán.

 

turismo cientifico