Pasar al contenido principal

As percebeiras de Rañobre

¿Quen non se lembra daquelas mulleres cun paxe de peixe ou marisco na cabeza? ¿Ou daqueloutras que camiñaban ao chou ofrecendo, a voces, as capturas mariñas polas portas de establecementos hostaleiros e casas?

Con aqueles andares prestos, pericia e vigor para manter o equilibrio, durante xeracións as mulleres transportaron sobre a cabeza todo tipo de produtos (carbón para os barcos de vapor, sal para as fábricas de salgadura, etc) e a nós, os nenos e nenas do Arteixo dos sesenta, moito nos chamaba a atención ver como as leiteiras arteixás eran quen de manter o equilibrio cun xerro panzudo de cinco ou dez litros de leite sobre a súa cabeza!

Tampouco deixaba de sorprendernos ver a diario, cando aínda non existían as lavadoras, vir do lavadoiro ás nosas avoas cun enorme barreño cheo de roupa enriba da súa cabeza cun continuo movemento que, máis ben, parecía unha misteriosa danza permanente, os mesmos andares prestos que tamén facía un grupo de mulleres que mariscaban polas pedras do litoral do noso municipio. Co paso do tempo soubemos que eran as percebeiras de Rañobre, mulleres loitadoras que á parte de sacar adiante a familia e a casa enteira, atender as leiras e os animais, aínda tiñan tempo para ir ao mar.

O mundo do mar case sempre foi un ámbito de homes de mans salgadas, mais un momentiño: o mar tamén ten mulleres. Por suposto que as ten e, no caso de Rañobre, lugar da parroquia arteixá de Oseiro, durante un feixe de anos o mar foi cousa daquelas posuidoras da fortaleza dos cons e cantís que os peores golpes de mar non son quen de erosionar.

rañobre
De esquerda a dereita, cubos e rapas incluídas, Manola do Lomaio, Lolecha, Lola do Lomaio, Fina do Lomaio e Carme do Rei (Imaxe de Fina do Lomaio)

Xurxo Souto cóntanos nos seus Contos da Coruña que hai oitenta ou noventa anos: "En Fisterra ninguén quería o percebe; non había xeito de transportalo á cidade e utilizábano como esterco na terra. Na Coruña sempre houbo ricos. Polo tanto, sempre houbo quen mollase as canelas polo percebe".

As percebeiras de Rañobre eran das que mollaban as canelas a diario para axudar na economía familiar. Eran mulleres coa habelencia e a sabedoría que lles daba a experiencia e a intelixencia natural, mulleres que xa antes da Guerra Civil andaban polas pedras do litoral de Rañobre, hoxe sepultado polo cemento do porto de Punta Langosteira, escudriñando coa rapa os penedos na procura dos percebes que vendían posteriormente na Coruña. Lola de Balbina, Carme (a Casarea), Amelia de Mercedes, Carme de Xela, Estrella do Pesco, as do Pápalo, a Genia, a Jaxarta, Lolecha… foron das primeiras en andar pola ribeira, unhas percebeiras pioneiras ás que lles tocou vivir unha vida dura, mais que serían quen de encarala con valentía naqueles duros anos da súa infancia e xuventude.

Beatriz Vilar, neta de Lolecha (falecida recentemente con 93 anos) contounos que a súa avoa, ao igual que a maioría das percebeiras de Rañobre, non sabía nadar e que, entre outros lugares, vendía os percebes no Papagaio da Coruña, unha Lolecha que despois da venda do marisco dábase o premio de comprarse un xeado; iso sí, moi de vez en cando porque naquela hora os cartos facían moita, moita falta!

Esa xeración de pioneiras daríalle paso a mulleres como Blandina de Lola de Balbina, Carme de Francisco do Calaso, Lola de Amparo, as Lixeiras, as Lemaias, as de Laradas, Carme a do Coutelán, María de Pepita… percebeiras que polo que recorda Blandina, a filla de Lola de Balbina nada en Rañobre en 1933, tamén lles tocara vivir unha vida :"de moita exclavitude do Noso Señor". Blandina, con sete ou oito anos, xa ía á marea con súa nai Lola, que aos trinta e poucos anos quedara viúva e con tres fillos: "Ao morrer meu pai Manuel, non quedaba outra, había que gañar o cartiño como fora. Ía ao mar con miña nai e despois acompañábaa á Coruña a vender os percebes. Ás veces, se xuntabamos a marea de dous días, poñiamolos en auga doce para que incharan e tiveran mellor apariencia. Sempre ía con nós Carme (a Casarea), que foi quen me ensinou a vendelos. Saíamos cedo de Rañobre a pé cara o camiño da Rega. Os percebes chorreaban por nós e a chegar a Pastoriza ou a Meicende xa estabamos coa roupa enchoupada. Na Coruña, con vergonza ou sen ela, berrabamos: "quen quere percebes ?, "quen quere percebes?" por Santa Catalina, pola rúa dos Olmos, da Torre, pola Praza de Lugo, pola praza vella (San Agustín), polo Muro… sempre había quen comprara e naqueles tempos vendíamos o quilo a tres ou cinco pesetas".

rañobre
Varias percebeiras de Rañobre nos anos 70 en plena faena (Imaxe de Fina do Lomaio)

As percebeiras de Rañobre da xeración de Blandina casaron e tiveron fillas, mulleres que ata os anos oitenta do século pasado seguirían mariscando pola zona que hoxe ocupa o cemento do Porto de Punta Langosteira, instalacións que sepultaron aquel mundo fecundo de pedras percebeiras nos que cada día traballaban as protagonistas desta historia. Hoxe, se damos un paseo pola praia de Sabón e atravesamos pola ponte de madeira que hai na desembocadura das augas do encoro do Rexedoiro (antes da construcción do Polígono aquí morrían as augas do río Seixedo), imos dar á Constanza, unha zona na cal se formou un areal como consecuencia das mudanzas das correntes que houbo, por causa das obras en Punta Langosteira. Uxío Carré recolle en Geografía del Reino de Galicia a orixe deste topónimo e dí: "En las playas inmediatas se dice hay la llamada Pena da Constanza, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas". Pois ben, xusto despois da Constanza, onde empeza o contradique do porto, estaban O Pozo dos Cans (na entrada da Bocatoma), Os Pelouros, As Galiñas, O Cabalo, O Pozote (formaba unha enseada cativa onde abundaban as nécoras e os camaróns), O Pontal da Ribeira, O Plato, A Madoira, A Ponta da Sartaña, Os Pasos de diante da Sartaña, A Sartaña, Os Ceixos, O Cu Cagado (hai fontes que indican que era O Cun), A Ponta da Trabe, O Vapor, As Eixadas, O Ollol (algunhas persoas chamábanlle O Llol), O pé do Muiño e A Besta, que era a zona aproximada por onde se dividían as parroquias de Oseiro e Suevos, O Xancán, os illotes da Travesa e A Percebeira, O Canal do Lobo, Os Cambóns, As Negras, As Lobas, A Furna das Corveiras, A Furna do Ruibo, o Cabo Cociñadoiro (do Cociñadoiro ao Canal do Lobo, o litoral facía unha enseada, que se chamaba A Becha), A Punta de Muros, A Poza, A Altiña, A Punta dos Corvos, A Punta do Asno e por último A Furna do Asno, lugares todos eles que xa son historia e que era onde gañaban o pan as percebeiras de Rañobre.