Pasar al contenido principal

Educación viaria

O Concello de Arteixo, a través da Policía Local, desenvolve desde hai oito anos, uns cursos de Educación Viaria nos distintos centros escolares do concello, coa finalidade de fixar costumes ou hábitos positivos nos escolares como viaxeiros ou peóns.

Pero desde hai catro anos, reestrutúrase a actividade, dotándoa dun maior dinamismo e ambición. Ponse en marcha unha área de "Educación e Seguridade Viaria", coa finalidade de alcanzar un maior número de poboación, e así acadar un proxecto educativo máis completo e ambicioso; froito desta restruturación, ademais de continuar a impartir os cursos en primaria e secundaria nos distintos centros escolares do Concello, comezan a organizarse charlas e conferencias dedicadas a grupos e temas específicos como poden ser en Bacharalato,a incidencia das drogas e o alcohol na circulación de vehículos, ou cursos de primeiros auxilios e actuacións ante o accidente de tráfico impartidos ao alumnado da Escola - Obradoiro do Concello; ou xornadas monográficas sobre a circulación en bicicleta ao alumnado do curso de Actividades Físicas ó Aire Libre de Formación Profesional, etc...

Lévanse a cabo exercicios prácticos nas rúas co alumnado, prográmanse actividades coma obras de teatro específicas, instalación de parques móbiles de tráfico, exposicións monográficas,etc....

Subliñar tamén a consolidación do "Concurso de Redaccións e debuxos" para o alumnado de quinto e sexto de primaria, que xa vai pola súa terceira edición, cun grande éxito de participación, e que funciona coma un mecanismo máis de acercamento á realidade da problemática do tráfico nas nosas rúas.

Por todo isto pódese dicir que na actualidade o Concello de Arteixo, dispón dun dos programas educativos de Seguridade Viaria máis ambiciosos da nosa Comunidade Autónoma, exemplo para outros moitos concellos galegos.

Por último dicir que esta é unha área dinámica, e que como proxectos de futuro están a construción no Concello dun Parque Permanente de Tráfico, no que se poidan poñer en práctica as ensinanzas acadadas nas aulas ou a elaboración dun programa de radio a elaboración e publicación de estudos da circulación e a seguridade viaria nas nosas rúas, ou os cursos de reeducación viaria, estranxeiros e terceira idade.