Pasar al contenido principal

A Xunta asina a acta de replanteo para a execución das obras de ampliación da avenida da Deputación

A Xunta de Galicia asinou hoxe a acta de replanteo para a execución das obras de ampliación da avenida da Deputación, en Arteixo, que mellorarán o acceso ao polígono de Sabón.

Os traballos, que suporán un investimento autonómico de 5,8 millóns de euros, iniciaranse despois das festas do Nadal. 

As obras contan cun prazo de execución de 20 meses. O Concello de Arteixo porá á disposición os terreos necesarios e manterá a actuación, unha vez rematada

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión co alcalde Carlos Calvelo e cos representantes empresariais do polígono industrial, coincidindo co sinatura do documento por parte da dirección da obra da Xunta e a empresa adxudicataria, Copasa.

Os traballos, di a Xunta, se desenvolverán en coordinación co Concello e cos empresarios do polígono industrial, coa fin de minimizar no máximo posible as afeccións ao tráfico para o que se manterán xuntanzas periódicas de seguimento das obras e da afección ao polígono.

O obxectivo desta actuación integral é solucionar os problemas de fluidez do tráfico nesa zona para favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.

O proxecto consiste no desdobramento dos carrís da avenida da Deputación, que pasará a ter 4 carrís en todo o trazado, entre a glorieta elevada de Sabón e a da avenida da Enerxía, onde se atopa a ITV.

No primeiro treito, entre a glorieta de Sabón e a avenida do Embalse, acometerase un carril adicional en sentido Coruña, con conexión directa ao ramal de acceso ao nivel inferior da rotonda, o que mellorará os tráficos e a fluidez dos vehículos pesados. Tamén se habilitarán beiravías, beirarrúas e unha zona con aparcadoiro en liña.

 No segundo tramo, entre as avenidas do Embalse e da Moda, duplicaranse os carrís por cada sentido e dotarase a zona de aparcadoiro en liña e beirarrúa e beiravías. Ademais executaranse muros de contención para salvar as afeccións coas parcelas existentes.

No terceiro treito, entre as avenidas da Moda e da Enerxía, duplicaranse os carrís con separación mediante mediana física e habilitaranse, en ambas as marxes, beirarrúas con beiravías de 1 metro de ancho.

A intervención prevé a construción de dúas ´turboglorietas´ nas interseccións coa avenida do Embalse e coa da Moda e unha glorieta de 36 metros de diámetro na da Enerxía. Estas infraestruturas permitirán cambios de circulación e xiros máis cómodos e  seguros.