Pasar al contenido principal

O Naufraxio do Artic en Chamín, en 1938

Os efectos dos temporais que sufriu a costa arteixá ao longo do pasado inverno deixaron ao descuberto no areal do Reiro, na parroquia de Chamín, os restos do “Arctic”, un barco que embarrancou nesta parte do Atlántico o 30 de xaneiro de 1938, hai agora oitenta anos.

Artic

 

Un pouco polo que vivira de primeira man e outro pouco polo que fora escoitando ao longo da súa vida, Anselmo Pardo, veciño de Chamín que casou en Sorrizo, aínda conserva na súa memoria algúns detalles do sinistro e cre que nese día había baile:

Eu era moi neno. Debía ter uns cinco ou seis anos e penso que se celebraba a festa do San Brais. Á beira da noite, cando todo o mundo estaba na taberna, no Piñeiro, comezamos a escoitar a sirena dun barco. Ao pouco, comezaron a tocar as campás das igrexas de Santaia e de Barrañán, e non deixaron de facelo durante ben tempo. Daquela había medo por todo: medo á fame, medo ás barbaridades que cometían os falanxistas, medo á Guerra... Por iso algúns vellos dicían que podía ser un desembarco, un ataque aliado que viña axudar aos republicanos. Con medo ou sen el, moitos de nós fomos ata o areal. Nese día, o mar estaba bravo, bravo de verdade, e había unha néboa mesta que pouco deixaba ver. O barco, que segundo dicían era un bou de pesca, continuaba a tocar a sirena e cada vez íase achegando máis ao Reiro, que sería onde finalmente embarrancaría, quedando coa popa ollando cara a Pedra do Sal. Despois de embarrancar, os mariñeiros do bou, que debían ser sete ou oito e seica eran belgas, principiaron a largar cabos ao mar que, para a sorpresa de todos nós, un can que levaban a bordo se encargaba de achegar á beira. Mais moita da xente alí presente aínda pensaba que era un desembarco, polo que algúns sacaron as navallas para cortar estas cordas. Entón, cando varios veciños ían cortar os cabos, chegou ao areal Primitivo do Bichelo e comezou a berrar con eles. Así que chegou ao Reiro, Primitivo, que era mariñeiro, decatárase do que na realidade estaba a acontecer alí: os pobres náufragos só querían pórse a salvo! Esclarecido o acontecido, a xente non dubidou en axudar aos mariñeiros belgas que, unha vez en terra, coas roupas totalmente enchoupadas e mortos de frío, falaban e falaban...mais nen Cristo os entendía. Daquela, foi cando alguén foi na procura de Sofía, que sabía francés, para que lles fixese de intérprete”.

Artic

Anselmo estaba a falar de Sofía Baridó Schneider, casualmente a avoa materna da súa muller Luísa Fuentes.

Os pais de Sofía, el francés e ela alemá, establecéranse a finais do século XIX en Potes, na provincia de Santander, onde instalarían unha fábrica de vidro. Mais o negocio nunca chegaría a ser rendible polo que, ao cabo duns anos, a familia emigra a Arxentina. Neste país, Sofía coñecería ao seu futuro marido, o veciño de Arteixo José Rey Valeiro, un home que despois de percorrer medio mundo, chegara en 1911 a Bos Aires, cidade onde gañaba a vida pintando retratos. Na capital arxentina, José e Sofía casan e teñen dúas fillas: Sofía (a nai de Luísa, a muller de Anselmo) e Armanda. Uns meses despois de nacer a segunda filla, o matrimonio (que está enterrado no cemiterio protestante de Arteixo) pon fin á súa estadía na América e decide ir vivir a terra de nacemento de José, establecéndose por uns anos en Caión. Na vila mariñeira teñen dous fillos máis, Eduardo e Ernesto, e o antigo retratista gaña agora o sustento familiar nunha pequena embarcación da cal é propietario. Aproximadamente polo ano 1920 trasládanse ao lugar de Campo, na parroquia de Barrañán, onde nacería o seu fillo José e lugar tamén onde abren un negocio, precisamente o local que atendía Sofía Baridó cando a foron buscar para facer de intérprete dos náufragos belgas.

ArticDespois de cruzar as primeiras impresións con eles, Sofía e José conduciron aos oito mariñeiros ata o establecemento que rexentaban en Barrañán onde, mentres agardaban a que as autoridades se fixesen cargo da situación, lles darían alimentos e bebidas quentes.

Os xornais coruñeses da época, que ocupaban as súas primeiras páxinas cos boletíns oficiais da Guerra Civil, recollían a seguinte información o martes, 1 de febreiro de 1938:

El domingo por la tarde naufragó en la playa de Barrañán o Chamín, en Arteijo, un buque de pesca de nacionalidad belga, denominado Arctic, de 150 toneladas, logrando salvarse toda la tripulación, compuesta por ocho hombres.

El Arctic había salido de Ostende hace cuatro días, dirigiéndose a las costas de Portugal para dedicarse a las faenas de la pesca. Cuando pasaba a la altura de Arteijo, a causa de la inmensa niebla reinante en este sector, perdió el rumbo, y el vapor pesquero vino a encallar a la referida playa, ocurriendo el siniestro entre siete y ocho de la tarde de anteayer. Al encallar, se hizo sonar por la tripulación la sirena del Arctic y a las repetidas llamadas acudió a la playa de Barrañán el vecindario de Arteijo y la Guardia Civil de aquel puesto.

Tras activos y laboriosísimos trabajos se pudo conseguir poner a salvo a la tripulación del buque. Esta no pudo salvar nada más que la documentación, dándose por perdidos los enseres y ropas. Debido a los fuertes golpes de mar y a la rompiente de la playa, el buque se considera totalmente perdido. El capitán, maquinista, fogonero y marineros que componían la tripulación del Arctic fueron atendidos solícitamente, en los primeros momentos, por la Guardia Civil y vecinos de Arteijo, y ayer por la mañana fueron traídos a esta capital, realizando el viaje acompañados de la benemérita de dicho puesto. Con los náufragos viene un hermoso ejemplar de perro de raza danesa, que no se separa del lado de su amo, el capitán del buque. Los náufragos han sido puestos a la disposición del cónsul de Bélgica en La Coruña, don Luis Mayor Moreno. Poco después de su llegada a nuestra ciudad, han sido trasladados a la Casa de Socorro del Hospital, y todos ellos fueron atendidos de enfriamiento. Una vez asistidos de urgencia por el facultativo de guardia, quedaron hospitalizados en el Hospital de Caridad.

Al tenerse conocimiento del naufragio, en la Comandancia de Marina, se trasladó al lugar del suceso un oficial de dicho centro, con personal a sus órdenes, con el fin de instruir las diligencias propias del caso. También se trasladó ayer a la playa de Barrañán el cónsul de Bélgica, señor Moreno. Dicha autoridad consular también hizo ayer varias visitas a los náufragos en el Hospital de Caridad”.

Segundo Anselmo Pardo, nos días posteriores ao embarrancamento do barco belga, os falanxistas apoderáronse de todo canto había no seu interior, uns falanxistas que previo pagamento, deixábanlle apañar aos veciños da contorna pranchas de ferro, que estes utilizaban para facer lume enriba delas, provocando deste xeito que o calor nos seus fogares fose máis duradeiro. Tamén os ferreiros de Chamín, A Lagoa, Santaia, Monteagudo e Lañas aproveitaron o ferro do Arctic para facer eixadas, legoñas, fouces e demais ferramentas de labranza.

O navío belga sería adquirido finalmente polos irmáns José e Juan Chás Morlán, os Chás, armadores da Coruña que tiñan bous de pesca que faenaban no Gran Sol. Manuel Castro, veciño do lugar da Corcella (parroquia de Armentón) tamén afirmaba que... naquela hora eu tería oito ou nove anos e meu pai (José Castro, “Rosende”) fora o encargado do desmantelamento. As pranchas de ferro carretábanse en carros de bois ata onde hoxe en día está o restaurante “Sol e Mar” , e tamén lembro que dicían que os Chás deixaran alí unha fortuna despois de pagar moitos xornais”.

Anselmo apuntaba, ademais, que o barco tiña un motor moi potente, dun só pistón, que os Chás se encargaron de desmontar mais, segundo as súas informacións, non foron quen de adaptalo a ningún dos seus barcos.

Tras o sinistro acontecido no areal do Reiro, os falanxistas intensificarían notablemente a vixilancia costeira no litoral de Arteixo, dobrando as gardas na Batería de Costa de Monticaño e establecendo novos postos, como o do campo da Sartaña, lugar do actual Quinito no que había dúas trincheiras con parapeito e dúas metralladoras. Os falanxistas deste posto tiñan os barracóns en Barrañan, á altura onde hoxe está o Hotel. No Rañal, había un niño de metralladora, que na actualidade aínda se conserva en perfecto estado moi preto da fonte do Paiolo e, segundo algunhas informacións, tamén había outro posto de vixilancia no Monte de San Tirso, por onde hoxe está o depósito de auga do Polígono Industrial de Sabón. As tropas destos postos tiñan os seus barracóns no alpendre dos de Tiso, lugar no que, polo que contan os maiores do lugar, había xolda con frecuencia.

 

Despois de que os Chás desmantelasen parte do barco e desmontasen o motor, os restos do Arctic iríanse convertendo co paso do tempo nun gran criadeiro de polbos e, nos depósitos de combustible, de camarón. Co decurso dos anos, eses restos serían devorados polo salitre e soterrados na area, aínda que coa forza dos temporais do inverno, de cando en vez quedan ao descuberto.