Ir o contido principal

A ampliación da Travesía de Vilarrodís costará máis de 800.000 euros

A Xunta vén de adxudicar as obras de ampliación da calzada nun tramo da travesía de Vilarrodís, á altura do polígono de Sabón, no Concello de Arteixo, por un investimento de preto de 885.000 euros.

Estes traballos serán levados a cabo pola empresa Arias Infraestruturas S.A e contan cun prazo de execución duns 6 meses.

A actuación ten por obxecto a ampliación da calzada na estrada autonómica AC-552, no treito entre os puntos quilométricos 9+000 e 9+650, situado á altura do Polígono de Sabón.

A actuación iniciase no punto quilométrico 8+850, antes da intersección coa rúa Teresa de Calcuta, e finaliza no 9+760, na intersección coa rúa Reconquista, antes da glorieta coa Avenida da Ponte. Os traballos consistirán na ampliación da plataforma da vía pola súa marxe dereita para dotar á estrada en sentido Fisterra dun segundo carril mais a correspondente beiravía ou zona de aparcamento.

Para mellorar a seguridade viaria e a fluidez do tráfico na intersección coa travesía da Groufa proxéctase nese cruce unha glorieta que terá un diámetro exterior 36 m.

A obra compleméntase coa instalación dos elementos necesarios para garantir a drenaxe axeitada, de muros para contención de terras e reducir a ocupación nas parcelas colindantes e co traslado e acondicionamento das dúas paradas de bus existentes, executando unha beirarrúa desde os puntos nos que se sitúan ata os pasos de peóns máis próximos