Ir o contido principal

Arteixo, destino para o turismo científico

O patrimonio arqueolóxico e xeolóxico de Arteixo é o fío conductor das rutas específicas que cada ano, dende 2016, pon en marcha a concellaría de Promoción e Desenvolvemento de Arteixo, que dirixe Patricia Amado. 

En 2018 serán catro rutas enmarcadas no que se coñece como Turismo Científico e que permitirá ós participantes descobrir que Valcovo ten unha falla de desgarre ou que a canteira de Barrañán deixa ó descuberto o gabro, cando o normal é que este escuro mineral se atope nas profundidades da codia terrestre. 

O patrimonio de Loureda será a primera das paradas deste programa. A ruta, que conducirá a arqueóloga Puri Souto, amosará os non poucos restos arqueolóxicos que esconde Loureda dende o val ata Santa Leocadia. 

O turismo científico tamén permitirá en abril descubrir a Ruta das Furnas de Suevos, co xeólgo Xabier Barros, e xa en outono a ruta desde o Monte da Estrela en Monteagudo que discorrerá polo Camiño da Area,  e visitará o Castro de Castelo en Sorrizo. O programa remata no mes de  novembro coa Ruta dos Ríos, Mares e Praias Antigas.

O obxectivo deste programa, que ven de presentar a concelleira Patricia Amado, é destacar os recursos singulares do municipio así como desestacionalizar o turismo e divulgar o coñecemento científico para todos os públicos ao mesmo tempo que se goza do tempo de lecer.