Ir o contido principal

As axudas municipais a autónomos, PEMES e hostaleiría oscilarán entre os 1.800 e os 3.000 euros

O Concello tramitará a semana próxima as bases normativas da primeira liña de axudas para autónomos, PEMES e hostaleiros.

O obxectivo é ofrecer axudas económicas directas a todos os que se viron obrigados a interromper a súa actividade debido ao decreto do estado de alarma que regulou as actividades empresariais durante a crise do COVID-19. 

O Concello calcula que serán preto de 700 os afectados por esta situación. As axudas oscilarán entre os 1.800 euros como mínimo, que se poderá incrementar en 600 euros por cada traballador que o autónomo teña ao seu cargo, ata os 3.000 euros de máximo. 

A tramitación das bases podería estar resolta nesta próxima semana e comezar, deste xeito, a facer as axudas efectivas no mes de maio. 

O Concello ten previstas outras dúas liñas de axudas para autónomos que, aínda sen ter que parar a súa actividade sofriran baixas na súa facturación; e unha terceira liña para o resto. 

As axudas concederanse a todos aqueles que cumpran as condicións das bases e non haberá outros criterios como a orde ou prazo de presentación xa que a partida presupostaria, dous millóns de euros,  é suficiente e ampliarase para que alcancen a todo o que as necesite así como para as sucesivas liñas.