Ir o contido principal

A lenda do Galo de Barrañán

Ao longo de todo o litoral arteixán existen multitude de furnas que, a través dos séculos, os elementos mariños se encargaron de ir esburacando. Entre todas elas, se cadra a máis notable é a que hai en Valcovo, na praia de Area Grande, a coñecida como Furna do Galo ou de San Xián, cavidade que, segundo nos informa o Catastro da Ensenada de 1752, divide as parroquias de San Xián de Barrañán e de Santiago de Arteixo ...”la motivada feligresía (Santiago de Arteixo) tendrá de distancia, desde Levante a Poniente media legua, de Norte a Sur otra media legua y, de circunferencia dos leguas, que para caminarlas se necesitan cuatro horas. Linda principiando a orillas del mar en una Peña llamada la Furna de San Julián, desde allí subiendo a la cima del Monte de la Cuesta de Angra, donde se halla una cruz en una Peña...”

galo
A Furna do Galo

Desta furna tamén fala Carré Aldao no tomo V da “Geografía General del Reino de Galicia” publicado en 1928, no que apunta que a cova... “Dista unos 500 metros del lugar de Pedreira (Arteixo) y está en el trozo de playa que llaman Balcoba. Tiene la gruta 40 metros de profundidad y es practicable su interior, en el que de unas grietas al fondo surge un chorro de agua potable. Esta gruta tiene -no le podía faltar- su leyenda correspondiente. También se denomina do Galo”.

galo
Valcovo, praia de Area Grande. Ao fondo da imaxe, a Furna do Galo

Outra lenda, que segundo Carré Aldao se remonta a tempos prehistóricos, fala de que un galo entrou na furna e, monte arriba, non parou de subir ata que saiu á luz nunha fonte que había nun lugar que, desde entón, se denomina O Galo. A fonte, aínda existente, mais que xa hai anos que deixou de brotar auga doce, está situada moi preto do castro do Castelo de Lañas, o mesmo no que mora a galiña dos pitos de ouro.

Como se ve, as dúas lendas, aínda que de forma diferente, lembran un mesmo asunto, sendo moi significativo o do camiño que desde a cova vai a parar ao monte, pois sabida é a xeral crenza que supoñía a todos os castros unha saída oculta. Así que xa sabedes, se ides a Valcovo, á praia de Area Grande, non deixedes de ver as fantásticas grutas creadas polas rompentes do mar, especialmente a furna da que estamos a falar. Iso si, tedes que ir de marea baixa e, unha vez alí, se pechades os ollos durante uns intres se cadra tedes a fortuna de escoitar o eco do canto do popular galo.

galo
Imaxe actual da Fonte do Galo