Ir o contido principal

"A memoria dun soño" de Antonio Fraguas chega a Arteixo

Deseñada e producida por Ronsel de Ideas, a exposición consta dun cuadríptico explicativo e de 12 paneis en que se fai un percorrido pola vida de Antonio Fraguas e as achegas que, en diferentes momentos dela, fai á cultura galega, ata que, no final da súa existencia, coa chegada da democracia e da autonomía para Galicia, empeza a ver como se materializa o vello soño que guiou o seu percorrido vital. Ao tempo, vanse ofrecendo datos acerca da sociedade, da economía ou da política de cada momento histórico que axudan a comprender a súa figura e a súa obra.

O alcalde Carlos Calvelo, acompañado das concelleiras Patricia Amado e Ana Bello inaugura mañá esta mostra xunto co secretario xeral de política lingüística Valentín García. Será ás 11.30 h. 

A exposición fai un percorrido pola obra do protagonista e remata cunha mostra do papel de Antonio Fraguas na xestación e primeiros pasos do Museo do Pobo Galego, do que foi director. No panel “Ás veces, os soños cúmprense” o visitante poderá comprobar como, nos derradeiros anos da súa vida, Antonio Fraguas viu como comezaba a materializarse aquel vello soño da autonomía para Galicia, en cuxas institucións culturais el participa e das que recibe un amplo recoñecemento.