Ir o contido principal

O cambio climático exponse na aula da natureza

A aula de natureza do Muiño Vello de Arteixo acolle ata o próximo 28 de Novembro a mostra “Cambio climático. O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”, unha exposición organizada pola Concellería de  relacións  coa  Comunidade Educativa, en colaboración co  CEIDA e a Deputación da Coruña. 

A iniciativa aborda unha temática tan complexa como a do cambio climático e pretende divulgar entre a cidadanía as súas causas e consecuencias.

Trátase dunha exposición de carácter didáctico coa que se pretende dar a coñecer o problema ambiental do cambio climático, e informar sobre as súas causas e consecuencias a nivel global e tamén en Galicia. Tamén busca estimular a participación e reflexión dos visitantes propoñendo novos comportamentos comprometidos e accións positivas co clima que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

Os paneis da exposición poñen en evidencia como moitas das actividades que realizamos na nosa vida cotiá contribúen, directa ou indirectamente, a un dos principais problemas ambientais deste século.

"Cambio climático. O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción”, é a segunda das catro mostras que acollerá a aula durante os próximos meses.

Poderá visitarse de luns a venres, ata o 28 de novembro, na planta baixa do CIAN – “Muíño Vello” en horario de mañá (09:30 a 14:00) e tarde (16:30 a 19:00 horas).

A exposición, cedida temporalmente polo  CEIDA, forma parte dun conxunto de mostras  concibidas como “ferramentas de divulgación para fomentar entre a cidadanía o compromiso e a necesidade de conservación do patrimonio natural e cultural” polo que os seus contidos son accesibles a todo tipo de público.