Ir o contido principal

O roteiro empresarial coñece "Recambios Regueira"

O alcalde Carlos Calvelo e a Concelleira de Promoción e Desenvolvemento, Patricia Amado, percorreron hoxe as instalacións que a empresa "Recambios Regueira" ten no Polígono de Sabón. 

Trátase dunha visita enmarcada no chamado Roteiro Empresarial co que os representantes municipais coñecen a situación e necesidades das empresas ubicadas no municipio co obxectivo de mellorar as súas políticas de formación de desempregados e potenciar o tecido empresarial. 

O xerente da empresa,Ramón Regueira, explicou ós representantes do concello a súa actividade que da emprego a máis de 500 persoas e que superou xa os cincuenta anos de actividade no ano 2015. A central da empresa ubícase no Polígono de Sabón onde posúen dúas naves industriais cunha capacidade de almacenaxe superior ós 80.000 metros cadrados cun dos almacéns robotizados máis modernos de España. 

A empresa está especializada na distribución de recambios do automóbil con máis de 60.000 referencias dispoñibles. 

Regueira tamén dispón en Sabón dun centro de formación que ofrece ós seus clientes cursos presenciais e atención on-line para solventar dúbidas que aparecen nos talleres durante as reparacións.