Ir o contido principal

Obradoiro cidadán para deseñar o futuro medioambiental do concello

A aula de natureza do Muiño Vello convértese no viveiro de ideas na que os cidadáns, de forma participativa, poderán ofrecer ós técnicos as súas ideas e propostas para a futura ordenación integral do territorio dende o punto de vista ambiental. Trátase de definir unha rede de zonas naturais e seminaturais deseñada e xestionada para protexer a biodiversidade e proporcionar servizos ecosistémicos como a purificación da auga e do aire; o almacenamento de carbono; a fertilidade do chan, ou o aforro de enerxía. 

O obradoiro chega como parte do proxecto de deseño da Infraestrutura Verde da Área da Coruña, no que colaboran a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Fundación Juana de Vega, o Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos. 

A iniciativa pretende integrar as ideas e propostas da poboación nesta estratexia, e para iso se poñen en marcha obradoiros de participación pública que complementarán ás entrevistas que se están a levar a cabo aos alcaldes e responsables dos gobernos municipais.

Os talleres estarán abertos a todas as persoas interesadas, e axudarán a realizar unha diagnose da situación actual da área e a recoller proposicións e opinións, ademais de informar e fomentar a implicación e interese pola iniciativa entre a poboación.

Esta estratexia marcará o desenvolvemento das accións de futuro en conservación e promoción das áreas de interese ambiental, ocio de natureza e xestión dos recursos propios da área da Coruña. A definición destes espazos ambientalmente estratéxicos servirá de base para a concreción de actuacións como corredores ecolóxicos en canles fluviais, prácticas agroecolóxicas en zonas agrícolas, ecoaldeas, proxectos de mellora paisaxística e ambiental, melloras na xestión da auga, creación de bosques en ámbitos degradados, planificación de zonas de inundación, espazos verdes urbanos eficientes no uso de recursos e con funcións ecolóxicas, entre outras. 

Taller

 

Documentos: