Ir o contido principal

Os trolebuses Coruña-Carballo

Segundo nos conta o escritor carballés Xan M. Fraga Rodriguez nos seus libros "A Coruña-Sada-Carballo. 1903-1979. Tranvías e Trolebuses" (Espiral Maior, 1997) e "Trolebús" (A.C. Lumieira, 2001), a idea dun trolebús que unira Carballo e A Coruña débeselle a Enrique Sánchez Rodriguez, que aínda que era natural de Santiago de Compostela (1882) establecérase de moi novo en Carballo, vila na que sería, no ano 1915, o introductor da luz eléctrica coa súa empresa Electra de Bergantiños.

En Carballo, Sánchez, que emigrara a Cuba e montaría alí (1910-11) a Central Eléctrica de Pinar del Río, xa pensara a principios dos anos 20 na posibilidade de crear un transporte tipo trole, semellante aos que había nas colonias británicas. Coa súa experiencia no sector eléctrico e cos folgos de seu irmán Aurelio, que era interventor do Estado nos ferrocarrís, en 1940 presenta ante o MOPU (Ministerio de Obras Públicas) o proxecto de Trolebuses Coruña-Carballo, que asina Víctor Solórzano, naquela hora enxeñeiro do Concello de A Coruña e hóspede habitual do Balneario de Arteixo.

Trolebús
Trolebús BUT diante da estación de Arteixo

O devandito proxecto sería definitivo en 1942, ano no que ante a necesidade de xuntar capital para financiar unha obra de tal magnitude, constitúese na cidade herculina a empresa Trolebuses Coruña-Carballo S.A. cun capital social de oito millóns das antigas pesetas distribuído en 8.000 accións de 1.000 pesetas cada unha.

Pedro Barrié de la Maza (presidente), Atanagildo Pardo de Andrade, Luciano Regueiro Pumpido, Manuel Sáez Torres, Andrés Pardo Hidalgo, Aurelio Ruenes Blanco e o propio Enrique Sánchez Rodriguez (este como vogal e director xerente), é dicir, practicamente a plana maior do Banco Pastor, formarían o primeiro consello de administracción da empresa, á cal lle outorgan en xullo de 1943 a adxudicación da liña cun orzamento de seis millóns de pesetas e cun prazo de concesión de 30 anos, liña que se converte na primeira interurbana concedida do Estado e a primeira estrada que é electrificada.

As obras do montaxe da liña eléctrica principiarían en 1944 e rematarían en 1950, obras que serían realizadas por traballadores da propia empresa, moitos deles veciños de Arteixo como era o caso de Manuel Sánchez "Toledo", Jesús e José Pardo Cedeira, Manuel Vázquez "Canedo", Ramón Zás ou Manuel Seijas Manolo de Bras”. Tamén traballarían na electrificación da liña A Coruña-Carballo os irmáns José, Enrique e Arsenio Iglesias Pardo. José era o encargado e tiña ao seu cargo uns vinte traballadores. Arsenio faríase futbolista profesional uns anos máis tarde, mais antes de fichar polo R.C.Deportivo tamén traballaría na montaxe da liña ademais de facer algunhas gardas na subestación de Lañas.

A lonxitude da liña era de 33 kilómetros e contaba coa estación eléctrica da Grela e coas subestacións de Pastoriza (km. 6), Lañas (km. 15), A Laracha (km. 23) e Bértoa (km. 32), unha liña que finalmente, e logo de varios ensaios, sería inaugurada oficialmente o xoves 23 de febreiro de 1950 e que estaría activa ata o 15 de marzo de 1971, día no que os trolebuses Coruña-Carballo circularon por última vez.

trolebús
Trolebús circulando polo Coque, en Larín

 

Nun principio, a liña contaba con doce troles tipo MAN-AEG que foran comprados en Alemaña, en plena II Guerra Mundial con Hitler no poder, no ano 1942, mais sete deles serían carrozados na fábrica de Barro en Chavín (Viveiro, Lugo).

En 1961 chegarían, procedentes de Inglaterra, oito trolebuses BUT de segunda man construídos entre 1948 e 1952 en Londres, que viñan sendo os populares de dous pisos, aos que se lles sumaría outro destas características en 1969, comprado a Tranvías de Vigo. En total, a empresa contaba con vinteún trolebuses, que eran conducidos por José "Sprint", Manuel Rodriguez "Cándido", Manuel Fraga, Benjamin Sande, Felipe Pazos, os irmáns Esmorís ou, entre outros, os arteixáns Antonio Mareque e Manuel González Berao "Zalo", un home cunha vida de película xa que cursara os seus estudos na Unión Soviética, onde se convertiría en piloto da aviación rusa e, posteriormente, antes de ser chofer dos Coruña-Carballo, traballaría como figurante en longametraxes como Los majos de Cádiz, Luis Candelas, Charlot ou La casa de la Troya ao lado de figuras míticas da época como Mary Delgado, Alfredo Mayo ou Imperio Argentina.

trolebús
De esquerda á dereita: Germán (cobrador), “Zalo” (chofer) e Mareque (chofer) diante dun trolebús MAN