Ir o contido principal

Premiados no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

O xurado composto por Charo Pita Villares (gañadora da 27ª edición), Inmaculada Otero Varela (representante da Asociación Galega da Crítica), Xabier López López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o pasado 27 de abril, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras:

1º. A casa das Castrouteiro, de Daniel Barral Calvo

2º. A idade do escarnio, de Tito Pérez Pérez

3º. Crónica de ningures, de Francisco Rozados Rivas

De todos os relatos recibidos, case setenta foran admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases.

A coordinación agradeceu un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego. Entregaron os premios Ana Bello Vázquez, concelleira de Cultura e Festas, Valentín García Gómez, Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Carlos Calvelo Martínez, alcalde do Concello de Arteixo.

O acto de entrega, presentado por Alfredo Ferreiro, ofreceu ademais a actuación Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, co seu espectáculo “Os contos de Joselín” e unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. En canto á ambientación da gala, o Servizo Municipal de Cultura e Festas, comandado por Sonia Iglesias, deseñou unha recreación libre da casa en que naceu Manuel Murguía, no Froxel, contando coas artes florais de Richar del Toro e a profesionalidade habitual do equipo técnico do auditorio. Rematado o acto, ofreceuse un viño de honra como fin de festa.

Contacto: Alfredo Ferreiro (609 653 176)

Murguia 19