Ir o contido principal

Servizos Sociais desenvolve un Programa de Inclusión destinado a colectivos en situación de especial vulnerabilidade ou risco social

O Departamento de Servizos Sociais desenvolve un Programa de Inclusión destinado a colectivos en situación de especial vulnerabilidade ou risco social, que inclúe as seguintes prestacións de apoio á inclusión sociolaboral:  

FORMACIÓN ADAPTADA

Nesta formación desenvólvense contidos relacionados coas medidas comprendidas na Estratexia de inclusión social de Galicia, como a alfabetización en coñecementos básicos dixitais e a preparación para as probas para adquisición do título de educación secundaria para adultos (ESA).

REFORZO SOCIOEDUCATIVO

Orientación e apoio ao alumnado para reforzar a importancia da educación, evitar o abandono prematuro da etapa de escolarización obrigatoria, reducir o absentismo escolar e facilitar a transición entre a educación primaria e a secundaria.

FORMACIÓN PARA A PARTICIPACIÓN SOCIAL

O servizo de promoción da participación social inclúe a formación en alfabetización e competencia oral nas linguas oficiais de Galicia, e as accións dirixidas ao coñecemento dos valores e características da sociedade de acollida.

MEDIACIÓN INTERCULTURAL E SOCIAL

Lévase a cabo en distintos ámbitos como sanidade, educación ou vivenda, a través de accións de acompañamento presencial ou de sensibilización directa na contorna social próxima. Ten por finalidade a comunicación, o entendemento e a transformación das relacións entre as persoas e grupos sociais culturalmente diferenciados, así como previr e solucionar conflitos e/ou construír unha nova realidade social compartida.

Todas as accións responden á subvención cofinanciada pola Consellería de Política Social (a través da Dirección Xeral de Inclusión Social) e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.

logo