Ir o contido principal

Turismo lanza unha aplicación móbil para promocionar o municipio

Turismo Arteixo está xa dispoñible para descargar, de forma gratuita, para todo tipo de dispositivos móbiles, tanto en versión IOS como Android. O alcalde Carlos Calvelo e a concelleira de promoción económica Patricia Amado presentaron unha iniciativa coa que pretenden dar un novo pulo á promoción turística do municipio á vez que axudan ós hostaleiros e comerciantes a promocionar os seus establecementos. 

A nova App divídese en varios apartados nos que o visitante pode acceder de forma rápida á oferta de praias, rutas naturais, patrimonio artístico ou calendario festivo de Arteixo. Todos estes apartados inclúen un sistema de xeolocalización polo que o usuario pode, dende a súa ubicación, saber a distancia e o camiño a percorrer para chegar ó punto requerido. 

Unha das partes máis importantes será un directorio empresarial para facilitar o contacto entre empresas e comercios do concello cos seus potenciais clientes o que suporá un impulso máis para a promoción de productos e servizos. As empresas de Arteixo que queiran formar parte desa base de datos poderán inscribirse mediante un formulario on-line que xa está dispoñible na páxina web do concello.