Ir o contido principal

A Xunta anuncia a ampliación da estrada de Vilarrodís e melloras na seguridade vial

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de ampliación da calzada na estrada A Coruña- Cee (AC-552), nun treito da travesía de Vilarrodís, en Arteixo.

O orzamento estimado da actuación, incluíndo a reposición dos servizos afectados e as expropiacións, ascende a un total de 1,5 millóns de euros.

O prazo para presentación de informes e alegacións abranguerá dende mañá ata o vindeiro 11 de maio. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información: https://goo.gl/aM8r6A

O proxecto ten por obxecto a ampliación da calzada da estrada autonómica AC-552, no treito entre os puntos quilométricos 9+000 e 9+650, situado á altura do Polígono de Sabón, coa finalidade de incrementar a súa capacidade e mellorar a fluidez do tráfico.

A actuación iníciase no punto quilométrico 8+850, antes da intersección coa rúa Teresa De Calcuta, e finaliza no 9+760, na intersección coa rúa Reconquista, antes da glorieta coa Av. da Ponte. Os traballos consistirán na ampliación da plataforma da vía pola súa marxe dereita para dotar á estrada en sentido Fisterra dun segundo carril mais a correspondente beiravía.

Para mellorar a seguridade viaria na intersección coa travesía da Groufa e coa nova rúa do polígono proxéctase nese cruce unha glorieta que terá un diámetro exterior 36 m.

A obra compleméntase coa instalación dos elementos necesarios para garantir a drenaxe axeitada, de muros para contención de terras e reducir a ocupación nas parcelas colindantes e co traslado e acondicionamento das dúas paradas de bus existentes, executando unha beirarrúa desde os puntos nos que se sitúan ata os pasos de peóns máis próximos.

Plano