Ir o contido principal

A Xunta remata e entrega as obras de urbanización da primeira fase do Polígono de Morás

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta mañá, co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, na recepción das obras de urbanización da fase A do polígono de Morás. O orzamento ascendeu a preto de 3,6 millóns de euros e realizouse unha intervención nunha superficie de 554.002 metros cadrados, que se traduciu en case 317.000 metros cadrados de superficie destinada a parcelas de uso industrial e comercial. Esta fase conta con máis de 3.800 prazas de aparcamento. Destas novas parcelas xa están adxudicados 183.050,04 metros cadrados. Ademais, na urbanización interior da fase A do parque empresarial executáronse dous viais e de todas as redes de subministros necesarios, así como a súa conexión exterior e a realización da conexión do parque empresarial coas estradas AG-55 e a A-6.

Nesta primeira fase tamén se incluíu unha parcela destinada ao emprazamento dos depósitos de auga que darán servizo á rede de abastecemento e na que está instalada a subestación eléctrica que servirá ao todo o parque empresarial. Asemade, incluíronse os espazos destinados á execución dos estanques de regulación de augas pluviais.

Esta área do parque empresarial de Morás conta con máis de 60 parcelas de uso industrial e comercial, con superficies que irán dos 1.000 aos 105.000 metros cadrados. No acto confirmouse que  nuns días sairán á venta 36 parcelas en máis de 132.000 metros cadrados con bonificacións do 30% nesta primeira fase.

Trenor lembrou que a principios deste ano comezou tamén a executarse a fase B que conta cun orzamento de  9.454.167 euros e cun prazo de execución de 12 meses. Esta obra afecta a un total de 598.360 metros cadrados de superficie, dos que 498.365 metros son superficie útil de parcelas, repartidos en catro parcelas.

O delegado da Xunta recalcou que a Xunta está a investir en total máis de 14,5 millóns de euros na urbanización da fase B do parque empresarial de Morás, no Concello de Arteixo, e na conexión exterior do saneamento do devandito parque.

Concretamente, o contrato da conexión exterior do saneamento do polígono arteixán en execución conta cun importe de 5.115.000. Esta obra consiste na execución das actuacións necesarias para recoller e transportar as augas residuais desde o polígono de Morás ata a depuradora de Bens, na Coruña.

Para isto, estase a construír un sistema de colectores e elementos complementarios de saneamento de forma que os caudais de augas residuais xerados no parque empresarial sexan incorporados ao actual sistema de saneamento municipal do núcleo de Arteixo. Isto contempla a renovación e ampliación da rede de colectores ao longo de 6,7 km aproximadamente, na súa maioría por gravidade.