Ir o contido principal

Ruta a Pastoriza

 

Percorrido : 8 km (desde Arteixo e 2 km desde A Coruña)

Duración: 1:30h (desde Arteixo) e 1h. desde A Coruña

Dificultad : media-baixa

Tipo de trazado: lineal

Concellos polos que pasa: Arteixo

Punto de inicio:

                          a) Paseo Fluvial " Río Bolaños" (casco urbano de Arteixo)

                          b) Meicende (contorna da refinería)

 

A igrexa de Santa María de Pastoriza, tamén coñecida coma O Santuario, é de orixe románica pero actualmente é de estilo barroco, do s. XVII. Consta dunha soa nave cun presbiterio que ten forma de ábsida semicircular románica. Acubilla unha imaxe da Virxe que data do s.XIII.

 

 

A Virxe de Pastoriza gozou e aínda goza de gran popularidade tanto na Coruña coma nas bisbarras das Mariñas e de Bergantiños e ten a súa lenda publicada por dona Emilia Pardo Bazán no ano 1887, onde di que o rei suevo Rechiario, o primeiro rei cristián de Hispania, fundou a igrexa de Pastoriza na cal se adoraba unha imaxe da Virxe.

 

 

Por mor da invasión dos normandos ou mesmo coa chegada de Almanzor, alguén do lugar agachou a imaxe da Virxe nuns penedos para salvala da súa posible profanación. A pequena igrexa fora derribada, mais a imaxe da Virxe salvouse por estar agachada até que unha nena, que pastoreaba o gando nunha pastoriza, viu como unha estrela relucente xurdía dunha morea de pedras no Monte do Cruceiro, onde se descubriu a imaxe da Virxe e que desde entón é coñecido coma “o Berce da Virxe”. É tradición que as e os romeiros lle dean tres voltas ás pedras, pasen por debaixo das mesmas e biquen a imaxe da santa.

 

 

Para recuperar e manter no tempo esta romaría o Concello de Arteixo sinalizou unha ruta que partindo da capital municipal, discorre a carón do Río Bolaños até chegar á franxa do litoral. Logo sobe cara a Rañobre e de alí vai dar á Fonte do Ouro e ao Santuario. Este ano esta ruta compleméntase con outra que vén da banda da Coruña, pasa polas Lourenzas e ao chegar a Montillos, desvíase cara a Borroa e de alí continúa polo Camiño de Borroa ao Santuario rematando no templo parroquial .

 

 

Mellórase así a seguridade da xente que acode á romaría, póñense en valor recunchos tradicionais do concello e poténciase a tradición mariana deste secular Santuario.