Skip to main content

A lenda da Constanza

Para falar da orixe dun dos topónimos do litoral arteixán, da Constanza, temos que viaxar ata a segunda metade do século XV, época na que o gran Gómez Pérez das Mariñas, que pertencía a unha familia nobiliaria en ascenso, era o Señor de boa parte do territorio que hoxe ocupa o concello de Arteixo.

Constanza
Imaxe actual da Constanza

Os antepasados do noso protagonista foran no seu tempo Señores de Suevos e Oseiro e estenderan, naquela época convulsa e violenta, o seu dominio por terras das actuais comarcas de As Mariñas e Bergantiños. Sendo mozo marcharía á corte do rei Juan II onde a súa valía e a súa destreza coa espada permitiríanlle gañar fama e honra e, despois de vencer a un enorme alemán que ninguén ousaba retar, convertiríase no maior xustador que no seu tempo houbo en Castela. Alí, dos encontros e contactos con outros nobres na corte real, fraguaríase o matrimonio concertado con Teresa de Haro.

Grazas ao favor real, conseguiría a estrela que adorna o escudo dos Mariñas e a tenencia vitalicia do castelo de A Coruña, cidade na que se intalaría coa súa dona. Convertido no Señor máis poderoso e rico da zona, Gómez Pérez sería quen de intervir con éxito nas contendas nobiliarias que convulsionaron á sociedade dese século, entre elas a Gran Revolta Irmandiña, que fora un exemplo de dignidade do pobo galego daquela hora. Farto dos impostos desorbitados, abusos de toda índole e expolio permanente dos seus mermados recursos, os labregos estouparían manifestando a súa indefensión ante o vasalaxe, máis parecido ao esclavismo que a unha relación con contrapartidas, que exercía sobre eles boa parte da nobreza local, unha nobreza que acabaría decantando ao seu favor aquela Gran Revolta Irmandiña iniciada polos pobres labregos. Sobre o papel dun xa máis vello Gómez Pérez das Mariñas naquel episodio da nosa historia, o escritor de Caión Marcos Amado cóntanos o seguinte no seu libro “Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos”:

Constanza
A Constanza e o Porto de Punta Langosteira

Chegada a contenda irmandiña en 1467, Gómez Pérez refuxíase dos alzados no mosteiro de Samos, pero pronto se unirá ao contraataque iniciado polo arcebispo, e agrupará as súas tropas en Santiago coas de Andrade, Ulloa e Lope Pérez de Moscoso “o groso”. Rapidamente foron vencidos os irmandiños e instaurado o poder señorial precedente, e estes últimos catro señores unidos ao das Mariñas, aliaranse na vista confederación antiarcebispal para frear o exceso de fortalezas ocupadas por Fonseca II (que eran da igrexa quen llas tiña cedidas en feudo a aqueles). Na reconquista para os Moscoso do castelo de Altamira cercado polo prelado en 1471, sitúase o lance no que Aponte dá boa conta do respecto que os seus iguais tiñan a Gómez Pérez das Mariñas, “que era más viejo y más sabio y en las guerras… todos consentían con él”, de maneira que os seus plans foron acatados ante as vehementes ansias de ataque doutros señores. Recuperada Altamira e posteriormente tamén Vimianzo, os confederados diríxense á fortaleza de Mesía, propiedade de Gómez Pérez das Mariñas pero ocupada polo xefe das tropas arcebispais, irmán do prelado Alonso II de Fonseca e Acebedo, que heroicamente soportaron tres meses de sitio e trabucazos ata a súa entrega”.

Sobre a descendencia de Gómez Pérez das Mariñas, que falecería no ano 1475, dende o infortunio dun primoxénito e dúas fillas mortas prontamente, este importante persoeiro da historia galega tería sucesivamente outras tres fillas máis con dona Teresa de Haro: María das Mariñas, Constanza das Mariñas e Xenebra das Mariñas, ademais de procrear fóra de matrimonio a unha sexta filla ilexítima, Mencía das Mariñas.

Gómez Pérez lograría para as catro fillas outros tantos pactos matrimoniais con grandes herdeiros ou Señores das súas respectivas casas nobiliarias, concertados na elite da contorna señorial galega. Así mesmo, como ben nos conta Marcos Amado no libro anteriormente referido, estes, conscientes da ausencia dun herdeiro varón, agardarían esperanzados unha futura porción da Casa das Mariñas para os seus señoríos tralo pasamento do seu sogro.

María das Mariñas, a maior delas, casaría con Diego De Andrade, Señor da poderosa Casa de Andrade, e recibiría de seu pai os señoríos das Mariñas dos Condes, co pazo de Miraflores como cabeza de xurisdición, correspondente cos actuais concellos de Oleiros e Sada, e das Mariñas dos Freires, bens situados no arciprestado de Faro e entre os ríos Mero e Mandeo, dominados desde o pazo de Bergondo-Mariñán e hoxe pertencentes ao concello de Bergondo, con partes nos de Abegondo, Cambre, Carral e Betanzos.

Constanza
Ría de Sabón e, á dereita, pequeño areal da Constanza

 

Sobre o legado da seguinte, Constanza das Mariñas, que casaría en primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso, os bens reservados serán as merindades e señorios que yo el dicho Gómez Pérez llievo e poseyo desde la agua do Burgo fasta la Ponte Ceso e Val de Ruus”. Eran bens dos cotos anexos á cidade da Coruña, coas antigas freguesías da liñaxe de Suevos e Oseiro, pasando ás interiores de Erboedo e Meirama, e englobando todas as súas abundantes posesións en terras de Bergantiños, dominadas desde o pazo e torre de Cillobre, fortaleza situada na parroquia larachesa de Santa María de Torás. Constanza tamén recibiría outro pazo situado na cidade de A Coruña, na rúa Ferreirías… estas mys casas con sus huertas en la que agora moramos”, que viña sendo no que residía a familia e se atopaba Gómer Pérez ao outorgar testamento.

Xenebra das Mariñas, coa que os seus pais quixeron afianzar alianzas coa mitra compostelá desposándoa moi nova con Luís de Acevedo, Pertegueiro Maior dos exércitos arcebispais, recibiría de seu pai todas as casas, rendas e propiedades sitas na cidade de Betanzos, ademais do señorío dos cotos de Oza-Cesuras e da Casa de Mesía, coa súa torre e fortaleza.

Mencía das Mariñas, a filla bastarda, enlazaría co fidalgo Juan García Barba de Figueroa, Señor da Casa de Figueroa. Os sepulcros do matrimonio, labrados coas armas e figuras xacentes, pódense visitar na igrexa parroquial de San Miguel de Figueiroa, no concello de Abegondo.

Mais centrémonos agora na segunda das fillas de Gómez Pérez das Mariñas e dona Teresa de Haro, en Constanza, unha muller que daría pé á lenda da que falamos a continuación. Como dixemos anteriormente, Constanza das Mariñas casara en primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso “o groso” quen, segundo as crónicas de Vasco de Aponte… “non era para ter xerazón (...) non era hombre para mujer y doña Constanza no le quería por marido”, unha Constanza que se separaría do seu home e voltaría ao domicilio de seus pais. Grande foi o desgusto que por estos feitos tería Gómez Pérez das Mariñas, mais as razóns expostas pola súa filla eran dabondo para xustificar tal decisión e había que dala por ben feita.

Un día chegou á residencia de Gómez o cabaleiro Fernán Pérez Parragués quen, de mozo, fóra paxe de aquel seguindo a costume adoptada entre os grandes señores que adoitaban enviar aos seus fillos á morada de algúns dos amigos da nobreza para que se educaran ao seu carón, apartados da casa paterna, aprendendo todo canto conviña a súa condición. Os mozos fillos dos nobres empezaban como paxes para ser, co paso do tempo, escudeiros ata que máis tarde poideran, con algún feito notable, obter o título de cabaleiros.

Gómez Pérez das Mariñas dispensaríalle un afectuoso acollemento ao seu antigo paxe, un Fernán Pérez de Parragués que quedara viúvo tras o recente falecemento da súa dona, que era filla de Fernán Díez de Ribadeneira. Se cadra aquela visita non tiña soamente o desexo de saudar ao seu antigo señor. Probablemente, no recordo da súa primeira estadía na residencia de Gómez Pérez tiña unha gran importancia unha moza loira que, naqueles intres, era unha fermosa muller que non facía moito que abandonara ao seu home: Constanza das Mariñas.

O certo é que pouco despois desta visita, dona Constanza e Fernán Pérez Parragués casaban, mais casaban en secreto, sen que o soupera o pai dela, Gómez Pérez. Segundo Leandro Carré Alvarellos, “algunas veces, doña Constanza trasladábase a La Coruña para ver a su esposo; otros días era don Fernán el que iba a Bergantiños cuando tenía saudades de su mujer. Dícese que estos viajes casi siempre se hacían por mar y que embarcaban o tomaban tierra en las playas de Valcovo o de Barrañán”.

Constanza
Imaxe tomada en 1945 dende O Rañal. Ao fondo vese a zona da Constanza

Pois ben, a lenda conta que en certa ocasión dona Constanza agardaba a chegada do seu marido e, impaciente por velo, achegouse ata á beiramar do areal de Sabón. Ben por parecerlle que podía ver máis pronto que tarde a embarcación na que viría o seu amado, ou ben porque acostumaban a empregar aquel lugar para baixar mellor da barca a terra, o caso é que sentou nun gran penedo que había perto da praia. Coa impaciencia, cravados os ollos no horizonte mariño, non se decataría dona Constanza de que subía a marea e de que estaba quedando entre as ondas, sen marxe de maniobra para poñerse a salvo, principiando as salpicaduras das ondas a mollar o seu vestido.

Naqueles intres, a humidade deixábase sentir co frío da auga e a brisa do atardecer, sendo entón cando dona Constanza, aterrorizada, viu o perigo no que se atopaba. Ninguén se vía no areal para pedir auxilio. ¿Cómo fuxir de alí? A morte por afogamento agardábaa naquel penedo para ela tan querida. Berrou unha e outra vez pedindo socorro, mais sería en balde…

Constanza, na desesperación da súa impotencia, botaría unha última mirada ao lonxe. ¡Ah! Unha barca bolinaba a toda vela, rompendo as ondas que despedían espumas fosforescentes. Na pequena embarcación viña outro corazón ansioso. Sí, era don Fernán o que se achegaba ao lugar no que estaba a súa amada en grave situación de perigo.

As augas do mar xa chegaban aos xeonllos de dona Constanza e a noite principiara a estender a súa capa de escuridade sobre a terra e a inmensidade oceánica cando, ao fin, a barca de don Fernán atracou xunto as rochas nas que permanecía a súa amada, que estaba enchoupada coa salitre mariña. Un doce e efusivo abrazo de home e muller, darían paso a que os dous embarcaran e se trasladaran de contado ao areal de Sabón onde, ao poñer pé na area, permanecerían un anaco antes de encamiñarse a unha das súas posesións cercanas, probablemente un caserío de Rañobre que, andando no tempo, pasaría a formar parte do señorío dos Oca.

Superado o tremendo susto, semellaba que ningunha outra consecuencia tería aquel amargo acontecemento, mais non sería así xa que foi aí cando Gómez Pérez das Mariñas enterouse de que a súa filla casara en secreto con Fernán Pérez Parragués e, ao considerarse humillado e aldraxado, cubriu a súa cabeza cun capuz negro, que non quitaría xamais ata a súa morte.

Constanza
Areal da Constanza

Desde aquel entón, aquel penedo próximo á praia de Sabón foi chamado “A pena de Constanza”, nome que aínda se mantén nos nosos días. Esta lenda que recolle Leandro Carré Alvarellos no seu libro “Las leyendas tradicionales gallegas”, xa aparece mencionada polo pai deste, Uxío Carré Aldao, na súa popular “Geografía General del Reino de Galicia” onde, no apartado que lle adica á parroquia de Oseiro, di que… “En las playas inmediatas se dice hay la llamada “Pena da Constanza”, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas, la casada en segunda nupcias y “a furto de su padre” con Fernán Pérez Parragués, por haberse separado de su primer marido, un Conde de Altamira “que no servía para casado”, según nos cuenta Vasco da Ponte. Esta doña Constanza, llamada “a vella” para diferenciarla de su hija doña Constanza, que apellidaban “ a nova”, tuvo en mayorazgo, fundado por su padre en los bienes que éste le legó en testamento de 4 de Noviembre de 1474, hecho cuando la hija era menor de edad, “todo lo que poseía en bergantiños en oseyro e suevos e val de miis heruoedo e meyrama e con las encomiendas de santo andres e monteagudo e con los foros casas e casares que yo el dicho gomer perez llievo en las dichas encomyendas e en la terra señorio que foi de Iohan de coyro e de martin sanchez e en la terra de iohan dandero”.

Constanza
Imaxe do ano 1945 tomada desde O Rañal. Ao fondo vese parte da Constanza

As obras iniciadas nos anos sesenta do século pasado para a construcción da Central Términa de Fenosa, ademais da posterior construcción do Porto de Punta Langosteira, sepultarían boa parte da Constanza de Fora e da Constanza de Dentro, como así lle chamaban os máis vellos a aquel lugar no que había un embarcadoiro semellante ao Carreiro do Rañal mais, con todo, aínda se pode ver unha parte dela, que está moi próxima a ese pequeno areal que se formou a raíz das modificacións das correntes coas devanditas obras do porto. Así que amigos e amigas, xa sabedes, cando vaiades a ese punto do litoral arteixá que vos quede claro que estades na Constanza!