Skip to main content

A peaxe da AG 55 rebaixa o seu prezo nas madrugadas

A Xunta comezará a aplicar esta noite as bonificacións do 50% en horario nocturno nas peaxes das autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e Puxeiros-Val Miñor (AG-57). Serán de aplicación a todo tipo de vehículos e estarán activas de luns a domingo, entre as 12 da noite e as 6 da madrugada.

Trátase dunha nova bonificación nocturna para as peaxes das dúas autoestradas autonómicas, que será de aplicación en todos os traxectos que discorran polas mesmas desde as 00 horas deste martes día 1 de outubro.

Estes descontos aplicaranse a todos os vehículos, lixeiros e pesados, que conten cun sistema de pago con telepeaxe.

O convenio de colaboración entre a Xunta e Autoestradas de Galicia, que regula as subvencións das peaxes nas autoestradas AG-55 e AG-57, permite manter as bonificacións de peaxe para itinerarios frecuentes, de volta no mesmo día, e vese agora mellorado coas bonificacións en horario nocturno.

Nestas autoestradas de titularidade autonómica xa se aplica dende o ano 2010 nos días hábiles unha rebaixa do 25% do importe da viaxe de volta dun traxecto de ida e volta, que se incrementa nun 50% na segunda e posteriores viaxes de volta en ambas as dúas autoestradas co uso do Vía-T.

Estas novas bonificacións en horario nocturno son acumulables ás anteriores. Así, a modo de exemplo práctico, no caso dos vehículo de carga que aproveite a bonificación nocturna (pesado 2), o custe do traxecto de ida e volta no caso da autoestrada  A Coruña-Carballo baixará de 10,20 euros sen bonificación a 4,46€, e no traxecto Vigo- Baiona, de 6,80€ a 2,97euros.

A iniciativa ten como obxectivo promover o uso destas autoestradas en horarios nos que se atopan infrautilizadas para mellorar a seguridade viaria. Estas infraestruturas viarias dan servizo a centros de actividade económica como o Porto Exterior da Coruña, o polígono de Sabón e de Porto do Molle, que se verán beneficiados por esta medida.

O departamento de Infraestruturas da Xunta, pola suma destas bonificacións, deberá aboar á sociedade concesionaria neste ano 2019 preto dun millón de euros.

ag55