Skip to main content

Dez empresas optan á execución das obras de saneamento e abastecemento en distintos lugares de Larín

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de recibir un total de 10 ofertas para executar as obras de mellora do sistema de saneamento e abastecemento entre os lugares de Mirón, Chamusqueira, Capela de San Roque, Campo da Pedra, Fraga e Anide.

A intervención, cun investimento de preto de 335.000 euros, contará cun prazo de execución de 3 meses.

Actuarase na rede de saneamento destes núcleos, executándose dous tramos de colectores e unha estación de bombeo de auga residual (EBAR) coa súa impulsión. Para a implantación da rede de abastecemento nestes lugares construiranse 4 tramos de rede en tubaxe e substituirase un equipo de presión por un novo con maior potencia, contando tamén con dúas bombas cunha capacidade de 1,8 m3/ hora.

Esta intervención forma parte do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Arteixo e Augas de Galicia para a mellora dos servizos nas parroquias de Larín e Monteagudo. A Xunta entregou recentemente á entidade local as actuacións hidráulicas xa executadas para a mellora dos sistemas de saneamento e abastecemento nos núcleos de Larín de Arriba, Salto do Carro, Groba de Abaixo, Areal, Pedroso e Coque, que supuxeron un investimento de máis de 332.000 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén prestando o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan ofrecer de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.