O teatro afeccionado protagoniza a axenda cultural da fin de semana
O teatro afeccionado e xuvenil convértese no protagonista da axenda cultural da fin de semana.
O Auditorio do Centro Cívico de Arteixo acolle o venres 20 de abril a representación de "O soño dunha xoaniña" da man do grupo xuvenil ES3HA2 , que pertence ó colectivo de teatro Melandrainas. Será ás 20.30 h.
A obra irá dirixida a todos os públicos, presenta un tempo de entroido no que Xoaniña quere se disfrazar de tartaruga e pide axuda a todos os animais que atopa no seu camiño.
A entrada é gratuita e con invitación que se pode recoller 1 hora antes do espectáculo na billeteira do mesmo centro até completar a capacidade da sala.
En Meicende a cita, tamén co teatro, é co alumnado da Aula Municipal de Teatro de Meicende, xunto con Erica González que representará "Érase unha vez...", unha peza para celebrar o teatro que fala de contos e emocións.
A monologuista, Erica González poñerá o broche de ouro con "A sala do Catapumchimpum", actuación pertencente ao Festival de Narración Oral "Falando a Boca Chea".

Será, tamén o venres 20 de abril, ás 20.00 h no auditorio do Centro Sociocultural de Meicende con entrada libre e con invitación que se pode recoller 1 hora antes do espectáculo na conserxería do mesmo centro até completar a capacidade da sala.