Pasar al contenido principal

O Concello adianta a concesión das axudas para comedor escolar e madrugadores do novo curso

A Concellaría de Educación publica as listaxes definitivas de axudas ao estudo da liña 1 (comedor) curso 2019/2020 aprobadas mediante Decreto 2565/2019 o día 28 de outubro de 2019.

Son, neste curso, un total de 276 becas para comedor e madrugadores as concedidas inicialmente. O que conleva un gasto de 167.246,14 € que asumirá o Concello.

Como novidade, este curso, a concesión da axuda ás familias implica a cesión do dereito de cobro ás entidades prestadoras do servizo, polo que o pago se realizará directamente a estas entidades.

A entidade prestadora do servizo, durante os cinco primeiros días do mes seguinte á súa prestación, remitirá á familia do menor usuario a mesma información que vai recibir o Concello, para que, no caso de discrepar con algún dato, o comunique ao Concello antes do día 10 de cada mes. No caso de que non se produza tal comunicación, enténdese que a familia dá a súa conformidade á información presentada pola entidade prestadora do servizo.

Os destinatarios destas axudas son os alumnos e alumnas de segundo ciclo de ensino infantil, ensino obrigatorio primario e secundario, bacharelato ou ciclos de grao medio de formación profesional que cursen en centros sostidos con fondos públicos do termo municipal.

As persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición contra o presente acordo no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación do anuncio da publicación no Boletín Oficial da Provincia perante o mesmo órgano que o ditou. Para a resolución do recurso tense o prazo dun mes contado desde o día seguinte á interposición. Se transcorrido ese prazo non se ten notificada a resolución, entenderase desestimado o recurso por silencio administrativo.