Pasar al contenido principal

Arteixo segue apostando pola cultura no ano novo

Arteixo segue a apostar pola cultura no 2021. A través da concellería de cultura pon en marcha "Carteleira de Inverno", unha ampla programación, para todas as idades, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña a través da súa Rede Cultural e da Axencia Galega das Industrias Culturais a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Música, teatro, maxia e poesía son os compoñentes deste ciclo que ocupará o Centro Cívico Cultural de Arteixo nas tardes dos venres durante os meses de xaneiro, febreiro e parte de marzo.

Entre as propostas máis novidosas destaca a peza teatral con altas doses de realidade histórica "Os nenos da varíola" de Pérez y Fernández unha coprodución do Centro Dramático Galego que presenta a adaptación á escena da novela de María Solar. 

O 5 de febreiro faremos un percorrido polos distintos Camiños de Santiago da man de Odaiko Krea que a través dunha gran montaxe musical e audiovisual presentaranos a Airiños de Fene, entidade integrada por Setestrelo, as Cantareiras Xerfa e Xirifeiras, o grupo de baile Cambadela e o TradiCoro.

"O mel non caduca" é a nova proposta de Ibuprofeno Teatro, un espectáculo biodegradable e ecosostible que reflexiona sore a degradación ecolóxica do planeta, protagonizada por Avelino González e Marián Brañobre. Esta última dirixe "O Premio" de La Quintana Teatro, unha comedia aceda que presenta ao público un reality en directo.

Unha das compañías máis transgresoras da escena galega, Chévere, traerá "Curva España", unha orixinal peza que ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo con Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira como principais protagonistas.

E para conmemorar o 8M, De Ste Xeito Producións presentaranos "Feminíssimas", unha comedia negra... moi violeta que reflexiona sobre distintas maneiras de entender o feminismo: radical, liberal e teoría queer.