Pasar al contenido principal

Arteixo sustituirá por árbores autóctonas os chopos que deben ser cortados para ampliar a avenida da Diputación en Sabón

Coa execución das obras de ampliación da capacidade da Avenida da Deputación no polígo no de Sabón, é necesario ocupar espazos anexos á actual vía, presentando unha especial sensibilidade, desde o punto de vista ambiental, a zona máis próxima á rotonda do Seixedo, na parte inmediata co Encoro do Rexidoiro. Nesta zona, ademais da ocupación do espazo inmediato á actual calzada é preciso proceder á corta de varios exemplares das árbores existentes nese espazo. En concreto, as obras implican a corta e retirada de 13 exemplares maduros da especie Populus alba (chopos), os cales se atopan na zona que é preciso ocupar para a ampliación da infraestrutura citada. Aínda que ese tipo de árbores non son autóctonos de Galicia, desde o Concello de Arteixo promoveuse a realización dunha xuntanza entre diversas entidades ipara que derán a súa opinión sobre esta actuación (AXI, Asociación de Empresarios e empresa contratista, ademais do propio Concello) e os representantes dun grupo naturalista perfectamente coñecedores do espazo (Grupo Naturalista Hábitat) para a procura dunha solución viable desde o punto de vista ambiental e compensatoria dos danos que vai sufrir a poboación de chopos en cuestión.

En primeiro lugar cómpre por de manifesto a importancia ambiental do Encoro do Rexidoiro, atopándose nun lugar destacado entre os espazos galegos pola presencia de aves invernantes e nidificantes, comparable con outros espazos naturais nos que existe unha maior calidade ambiental. Neste sentido, desde o GN Hábitat manifestan que se dispoñen de datos actualizados de censos e listados de especies existentes no encoro, destacando a presenza de case 180 especies de aves. Unha parte importante destas especies localízanse na cola do encoro, precisamente na zona máis próxima á de execución dos traballos.

Ao respecto da especie arbórea a retirar (Populus alba) sinálase que a mesma non é unha especie autóctona, aínda que pode aparecer naturalizada en Galicia, asociada a cursos de auga, confirmándose que os exemplares existentes na beira do Encoro do Rexidoiro foron plantados. En calquera caso, o chopo non é unha especie exótica invasora e carece da problemática que ocasionan outras especies introducidas.

Como queira que resulta imprescindible a eliminación dos exemplares sinalados, desde o Concello de Arteixo proponse a plantación de novos exemplares de especies caducifolias autóctonas, coa orixe da semente e a crianza en viveiros do país, adaptadas ao hábitat concreto no que se van plantar. Estas novas árbores, co porte e presentación axeitados ás condicións da zona, serán plantadas na época axeitada, para garantir desta maneira a súa viabilidade, e a finalidade das mesmas será a de conservar ou aumentar o apantallamento da zona sensible do encoro coa infraestrutura de comunicación, evitando así as molestias que esta lle puidera causar á fauna residente.

Tamén, coa plantación destas especies autóctonas, preténdese manter ou aumentar o número de exemplares arbóreos existentes, aumentar a biodiversidade e favorecer, en conxunto, a conservación do espazo do encoro.