Ir o contido principal

Arsenio Iglesias, O Raposo de Arteixo

No momento da retirada como futbolista, Arsenio non tiña nada claro o que faría coa súa vida. Non é que amasara unha fortuna xogando ao fútbol, mais sí o suficiente para comprar pisos na Coruña aproveitando o auxe immobiliario dos anos sesenta e tamén para abrir unha lavandería e unha tinturería. Ao pouco de colgar as botas ofrécenlle adestrar ao Fabril, o filial do Deportivo, mais non acababa de decidirse por mor das ocupacións da construcción nas que andaba metido, vendendo pisos e coidando das cousas da casa. Ao ano seguinte voltan a chamalo para o Fabril e esta vez acepta. Aí empezou todo!

Faise cargo do filial do Deportivo en 1967 e dous anos despois obtería o título nacional de adestrador na mesma promoción que Puskas, Eusebio Ríos ou, entre outros, Rodríguez Vaz. Tras catro tempadas facendo xogadores para o primeiro equipo, en plena campaña 70-71, co Deportivo en Segunda, Arsenio substitúe a Roque Olsen e debuta no banco deportivista o 3 de xaneiro de 1971 en Riazor fronte ao Rácing de Ferrol, empatando a dous goles. A pesar da marcha irregular do club herculino, o arteixán non tira a toalla e opta por concentrar permanentemente durante un mes ao equipo no Balneario de Arteixo. O efecto revulsivo dos Baños levaría aos branquiazuis a ir gañando posicións na táboa ata chegar ao 6 de xuño, tamén na Coruña, no que o Deportivo vence ao Rayo Vallecano por 1-0, gol de Beci, que supón o ascenso a Primeira, xunto co Betis e o Burgos. Era o primeiro ascenso propiciado polo saber e coñecer de Arsenio, ao que se lle empeza a chamar alcumes como O Bruxo de Arteixo ou O Raposo.

Dirixe ao equipo deportivista nas dúas tempadas seguintes a 1971-72 e a 1972-73, as últimas dos coruñeses en Primeira ata que, dezasete anos despois, na 1990-91, regresarían de novo á división de honra do fútbol español, tamén da man de Arsenio.

Mais antes disto, tras o descenso co Deportivo na 1972-73, o adestrador arteixán pasaría a dirixir en Segunda, na tempada 1973-74, o Hércules de Alacante, con quen ascende a Primeira (segundo ascenso que conseguía O Bruxo). Co cadro alacantino é quinto na Liga, a só dous puntos do subcampión, e case vai á UEFA (hoxe Europe League) na tempada 1974-75; sexto na 1975-76 e décimo terceiro na 1976-77.

O Real Zaragoza, que descendera a Segunda ao remate da 1976-77, reclámao para recuperar a categoría. Arsenio faino campión destacado e o club maño, no que era o terceiro ascenso do arteixán, retorna a Primeira na 1977-78.

O Burgos, que militaba na máxima categoría, solicita os seus servizos para a campaña 1978-79 e Arsenio sería quen de manter ao equipo entre os grandes logo de acadar un digno décimo terceiro posto.

Pasa media tempada de descanso, a 1979-80, mais é solicitado polo Elxe para substituir a Heriberto Herrera. O cadro ilicitano está en Segunda e loita por volver a Primeira. Arsenio está a piques de conseguilo, quedando en cuarto lugar, a dous puntos de Osasuna que, xunto co Valladolid e Murcia, logran o ascenso.

O Almería, que cumpría a súa segunda campaña en Primeira, contrátao para a 1980-81, campaña que o da Baiuca non remata xa que hai moitos problemas no club almeriense e a penas chega a cumprir a primeira metade da tempada. A Arsenio substituiríao Enrique Alés, que non sería quen de evitar o descenso.

arsenio
Arsenio Iglesias en xuño de 1982

Na 1981-82 o Raposo mantense inactivo. Volvería á actividade para principiar a tempada 1982-83, de novo ao frente do Deportivo. Cando todo parecía indicar que, nesta primeira campaña, ía rematar no ascenso, o Rayo Vallecano fai de verdugo no mismísimo Riazor, onde gaña por 1-2 o 22 de maio de 1983 na última xornada de Liga. Ao Deportivo chegáballe co empate e o Rayo quedou noveno. Na Coruña aínda non está esquecido aquel mazazo!

Volve a intentalo, mais sen éxito, nas dúas seguintes tempadas, 1983-84 e 1984-85. Son varias as tentativas por levalo lonxe da Coruña, mais Arsenio mantense firme entre os seus, instalado nunha vida confortable coa única preocupación da marcha dos seus negocios, e vive dúas campañas de total relax, a 1985-86 e a 1986-87. O Compostela de Caneda reclámao na tempada 1987-88 para que lles bote unha man en Terceira para dirixir a un equipo de escasa afección, menos historia e un estadio destartalado: o vello Santa Isabel. Paralelamente, en Segunda o seu Deportiviño languidecía nos últimos postos da categoría e o socorrido cambio no banco, primeiro Eusebio Ríos e despois Rodríguez Vaz, non lograra variar o rumbo. Os directivos acudirían no último terzo do campionato, case como un talismán para salvar a categoría, a Arsenio que, con el no banco e con Lendoiro chegado á presidencia, conseguiría a salvación naquel angustioso derradeiro partido contra o Santander, cun gol de Vicente no tempo de desconto.

A campaña 1988-89, a primeira do tándem Arsenio-Lendoiro, transcorrería placidamente (o equipo acabou na metade da táboa). A gran fazaña chegaría na Copa do Rei, na que o Deportivo caería eliminado en semifinais co Valladolid tras unha escandalosa arbitraxe de Soriano Aladrén.

No ano seguinte, cun equipo discreto no que cada vez sobresaían máis os irmáns Fran e José Ramón, Arsenio volve sacar petróleo e acaba a Liga nun cuarto puesto que lle permitía disputar a promoción de ascenso contra o Tenerife, promoción que os herculinos perderían (0-0 e 0-1) mais, a pesar da decepción, os afeccionados empezaban a recobrar a fe de alcanzar o soño de xogar en Primeira.

Chega a tempada 1990-91. A economía do Deportivo recuperárase notablemente e Lendoiro irrompe con forza no mercado de fichaxes contratando a futbolistas da talla de Peio Uralde ou Villa. "Menos Koeman e algún outro, trouxéronme todo o que pedín", ironizaba Arsenio na pretempada. Durante a campaña, na que houbera luces e sombras (o arteixán chegara a presentar a súa dimisión), o equipo iría de menos a máis e acabaría xogándose o ascenso na derradeira xornada en Riazor o 9 de xuño de 1991 contra o Murcia. Pitido inicial e… cousas do demo: aos tres minutos empeza a arder a grada de preferencia e a xente salta ao campo. O partido suspéndese 45 minutos, feito que axuda a que se dispare a tensión no vestiario branquiazul. Reiníciase o encontro e os locais son un flan. O Murcia domina e dispón de varias ocasións. A historia vai camiño de repetirse mais, tras o descanso, os coruñeses saen con rabia e Stojadinovic marca o 1-0 no minuto 54, repetindo faena no 75 no 2-0. O Deportivo volvía a estar, dezaoito anos despois, en Primeira División. Na rolda de prensa Arsenio comunicaba a súa decisión de non seguir no equipo..."A presión foi tremenda. Foi un ano durísimo. A Coruña quería o equipo en Primeira no mes de setembro. Retírorome".

Así pois, tras deixar ao equipo dos seus amores en Primeira, Arsenio decide retirarse. O adestrador vasco Boronat é o seu sustituto no banco, un Boronat ao que a grada nunca chegaría a aceptar e ao que, tras unha irregular marcha naquela Liga 1991-92, Lendoiro acabaría cesando. A xente acordábase do de sempre: "Isto é cousa para o vello", dicían e, a falta de oito xornadas para o remate da tempada, volven chamar a Arsenio para facerse cargo do equipo e salvar a categoría, obxectivo que o Raposo cumpriría nunha dramática promoción co Betis (2-1 e 0-0).

Os seguintes anos serían os máis exitosos da carreira do técnico de Arteixo. Á frente do banco deportivista, Arsenio sería un dos artífices do Superdepor, un equipo humilde que, coa chegada dos Bebeto, Mauro Silva, Aldana e compañía, chegaría a contestar a hexemonía futbolística dos coñecidos como grandes do fútbol español. Nestes anos, o Deportivo conseguiría por primeira vez na súa historia a clasificación para competicións europeas na tempada 1992-93 (Copa da UEFA), dous subcampionatos de Liga (un deles o da campaña 1993-94, coñecido polo penalti errado de Djukic no último minuto do último partido do campionato ligueiro contra o Valencia que impediría ao Deportivo gañar a súa primeira Liga) e unha Copa do Rei en 1995, o primeiro título oficial que o club conseguiría contra o Valencia nunha final que por mor dun gran diluvio que houbera en Madrid tivera que xogarse en dous días.

arsenio
En 1995 coa Copa do Rei

Mais a pesar de todos estos éxitos e de que neste último ano o Deportivo se fixese campión de Copa, Arsenio sae do club non sen certa polémica coa directiva presidida por Lendoiro, un Arsenio que en outubro de 1994 inauguraba en Arteixo a avenida que leva o seu nome, situada na zona escolar e deportiva da capital do municipio. Coa súa habitual retranca facía o seguinte comentario: "¡Concho!, déronme unha calle sen pisos". Máis en serio, o adestrador evocaba os paseos da súa infancia por esa senda hoxe asfaltada e urbana: "De neno, eu ía por aquí bañarme ao Rañal".

arsenio
La Voz de Galicia, 25 de outubro de 1994

Mediada a tempada 1995-96, e ante a crise interna que esta a experimentar o Real Madrid, daquela adestrado por Jorge Valdano, a directiva do club branco decide despedir ao técnico arxentino e fichar a Arsenio Iglesias ata final de tempada. O arteixán conseguiría dar algo de estabilidade aos merengues mais non sería quen de clasificar ao equipo para as competición europeas.

A última experiencia do da Baiuca á fronte dun banco foi no 2005, cando foi designado para dirixir xunto a Fernando Vázquez o retorno da selección galega, combinado ao que adestraron nos encontros disputados contra Uruguai (3-2); Ecuador (1-1); Camerún (1-1) e Irán (3-2).

O día 18 de decembro do 2017 a corporación municipal do Concello de Arteixo celebraba un pleno extraordinario para aprobar o nomeamento do ex adestrador arteixán como Fillo Predilecto do municipio, recoñecemento co que Arsenio Iglesias pasaba a ser a terceira persoa con tal distinción, despois de Manuel Murguía, Patriarca das Letras Galegas nado en Oseiro, e Mariano Arana, ex intendente de Montevideo con familia orixinaria en Arteixo.

"Penouqueira de Arteixo,
terra de moito croio
onde lle aprendeu Arsenio
os recortes ao raposo.
Dos terróns de Riazor
a esta firma do destino.
Non hai Depor sen Arsenio
e Arsenio sen Deportivo"

Os Diplómaticos de Monte Alto