Ir o contido principal

Axudas para familias con nenos e nenas de ata 12 anos de idade para a conciliación na situación xerada polo COVID-19 a través do programa Bono coidado extraordinario

O venres publicouse un anexo ao Diario Oficial de Galicia que inclúe, entre outras, as bases reguladoras das axudas para familias con nenos e nenas de ata 12 anos de idade para a conciliación na situación xerada polo COVID-19 a través do programa Bono coidado extraordinario

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas ás familias con nenos e nenas de ata 12 anos de idade, estes incluídos, que teñan a súa residencia en Galicia para a conciliación da vida familiar e laboral durante o tempo de suspensión de actividade nas escolas infantís 0-3 e centros de ensino non universitario a consecuencia da evolución da pandemia do COVID-19.

Persoas beneficiarias:

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Coidado extraordinario os pais/nais, titores/as, ou as persoas que teñan en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva nenos/as de ata 12 anos de idade residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos seguintes supostos:

  • Ter unha nena ou neno nacido con posterioridade ao 31 de agosto de 2007
  • Ambos proxenitores, ou único no caso de failias monoparentais ou proxenitores con custodia non compartida, traballando
  • Ter uns salarios netos da unidade familiar da última mensualidade respecto do momento da presentación da solicitude, detraendo a prorrata da paga extraordinaria se a houbera, ou os rendementos netos da unidade familiar no suposto de persoas traballadoras autónomas, que non superen os 2500 € ou, de superalos, non sexan superiores aos 806 € per cápita.

Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Gastos subvencionables:

Poderán ser obxecto destas axudas as seguintes actuación dirixidas á atención de nenas e nenos menores de 12 anos e realizadas dentro do período subvencionable:

  • Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio
  • Contratación laboral dunha persoa empregada de fogar destinada ao coidado dos nenos e das nenas. Consideraranse tamén neste suposto as ampliacións de contratos laborais preexistentes que se realicen con esta finalidade
  • Pase a situación de excedencia por coidado de fillos/as o redución de xornada de traballo pola mesma causa do pai/nai, titor/a ou persoas que teñan o neno ou a nena en situación de acollemento familiar ou garda preadoptiva, sempre que supoña unha redución efectiva nas retribucións.

Consideraranse tamén as reducións de xornada de traballo preexistentes que se adaptaran ou modificaran con esta finalidade. Non serán obxecto de subvención os períodos durante os que se perciba a prestación por nacemento ou coidado da persoa menor no marco da normativa da Seguridade Social

Período subvencionable:

Desde o 16 de marzo ata que se levante a suspensión das actividades como medida preventiva de saúde pública nas escolas infantís 0-3 e nos centros de ensino non universitario, non podendo extenderse máis aló do exercizo presupostario vixente.

Tipo de axuda e contía:

A axuda consistirá nunha aportación que pode alcanzar ata o 100% do custo da contratación ou do importe da redución das retribucións cun límite máximo global de 500 €/mes por unidade familiar beneficiaria.

Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365.

O prazo de presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia

 

 

 

 

 

 

 

 

Documentos: