Ir o contido principal

Carlos Calvelo asina en Santiago o convenio para a xestión do centro interxeneracional

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo Martínez, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a xestión dos centros de día e de atención residencial que alberga o novo edificio interxeracional construído pola Fundación Amancio Ortega, e que tamén conta con servizo de escola infantil que abriu as súas portas no presente curso escolar 2017-2018 dentro da rede autonómica da Galiña Azul. A sinatura do acordo tivo lugar en San Caetano e a ela asistiu tamén o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíños.

No caso concreto de Arteixo, esta liña de colaboración aínda avanza un banzo máis ao compartir Xunta e Concello, a partes iguais, o financiamento e adxudicación das 64 prazas que están dispoñibles na parte residencial do edificio. Así, o concello de Arteixo ocuparase da designación das persoas usuarias da metade das prazas seguindo o regulamento aprobado para tal fin pola corporación local, e a outra metade serán asignadas pola Administración autonómica. Ademais, a firma deste convenio coincide coa publicación na Plataforma de Contratación da Xunta de Galicia da licitación para a xestión tanto da residencia como do centro de día deste equipamento.

Este convenio, con catro anos de vixencia prorrogables por un período doutros catro adicionais, supón un paso definitivo para a próxima entrada en funcionamento destas dúas prestacións dirixidas aos maiores e persoas dependentes. 

O edificio interxeracional de Arteixo, construíuno a FAO cun investimento de 10 millóns de euros. Esta actuación realizouse en virtude do convenio asinado pola propia fundación, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Arteixo en 2015, e conta cunha escola infantil de 82 prazas, un centro de día de 40 prazas e unha residencia de maiores de 64 prazas.

Carlos Calvelo