Ir o contido principal

Mariano Arana, persoeiro de orixe arteixán que foi ministro de Uruguai e Alcalde de Montevideo

Fillo de Pedro Mariano Arana Vázquez e de María Sánchez Maceiras, veciña da aldea arteixá da Pedreira (entre Figueiroa e A Catuxa) nada en 1899 que emigrara ao Uruguai xunto con dúas das súas irmás e a súa nai, Mariano Arana Sánchez nacía en Montevideo o 6 de marzo de 1933, dous anos despois de que casaran seus pais. Tras cursar estudios no Lyceé Français de Montevideo, en 1952 ingresaba na Facultade de Arquitectura da Universidade da República, onde se licenciaría en 1961 e na que, ademais, sería docente e Director do Instituto de Historia da Arquitectura, entre outras tantas actividades que o noso protagonista realizou na Facultade.

Mariano Arana
Mariano Arana

No seu paso pola Universidade, Mariano Arana destacaría non só polo desempeño no plano académico, senón tamén polo seu activismo social e gremial, sendo nos anos 50 un activo militante e dirixente do Centro de Estudiantes de Arquitectura (CEDA) e da Federación de Estudiantes Universitarios de Uruguai (FEUU), na que ocupou a secretaría de asuntos gremiais, actividade que o levaría a involucrarse directamente nas loitas sociais e antiimperialistas que caracterizaron o final dos anos 50 e o principio dos 60. Nesta etapa, ademais de marcar a súa ideoloxía política, marcaría tamén a súa forma de interpretar a arquitectura e o urbanismo desde unha ollada fortemente contemporánea, tinguida tanto polo pensamento das vangardas artísticas e culturais como co seu forte compromiso social.

No perfil deste persoeiro de orixe arteixán hai que destacar tamén o seu compromiso cultural. Interesado profundamente nas máis diversas manifestacións contemporáneas, como as artes plásticas, a música, o teatro ou a literatura, Mariano Arana vinculouse cos movementos e as correntes de vangarda nos anos 50 e 60 en Uruguai, vinculación que no caso do teatro independente, en especial na institución teatral “El Galpón”, levaríao, xunto con Mario Spallanzani a intervir en diferentes intres nos procesos de rehabilitación de varias salas para albergar actividades culturais.

Impulsado por ese ánimo, xunto con outros universitarios, compañeiros intelectuais da Federación de Estudiantes, fundaría a editorial Ediciones de la Banda Oriental (EBO), un dos emprendementos culturais innovadores dos anos 60 que participou de xeito destacado no “boom editorial” desa década, así como tamén foi un notable referente cultural en tempos da dictadura uruguaia (1973-1985), promovendo especialmente a difusión de obras literarias de autores nacionais e clásicos universais, así como traballos sobre a realidade política e cultural e investigacións históricas, actividade que o levaría a presidir a Comisión de Patrimonio Histórico, Artístico e Cultural de Uruguai entre os anos 1985 e 1989.

Pola súa actividade profesional, Arana foi recoñecido por organizacións internacionais de arquitectos e entidades vencelladas coa profesión, recibindo, entre outras, as distincións outorgadas pola Federación Panamericana de Asociaciones de Arquitectos (FPAA), entidade que no seu Congreso do ano 1999 premiou a Arana coa Medalla de Ouro á traxectoria profesional e pola VI Bienal Iberoamericana de Arquitectura y Urbanismo, celebrada en abril de 2008 en Lisboa, na que se lle concedeu o Premio Iberoamericano ao conxunto da súa traxectoria. O noso persoeiro tamén recibiría outras distincións internacionais como a Orden Nacional ao Mérito da República Francesa, a Orden Cruzeiro do Sul do Goberno Federativo de Brasil e a Cruz de Mayo outorgada polo Goberno arxentino.

Mais, a parte da súa actividade no mundo da arquitectura e no eido cultural, Mariano Arana tamén é un persoeiro coñecido pola súa actividade política. Fundador de Vertiente Artiguista, partido polo cal foi elexido Senador da República en 1989, ocuparía este cargo en dúas etapas: 1990-2004 e 2008-2010, nas que formaría parte da comisión permanente do Senado entre 1991 e 1992, así como da comisión do presuposto. En 1994 o persoeiro de orixe arteixá foi segundo vicepresidente da Cámara uruguaia e posteriormente sería alcalde de Montevideo polo Frente Amplio desde 1994 a 2005, ano no que Tabaré Vázquez asume a Presidencia da República e nomea a Mariano Arana Ministro de Vivenda, Ordenamiento Territorial e Medio Ambiente, un Arana que coincide no Goberno con José Mujica, líder do Movimiento de Participación Popular (sector maioritario do partido de esquerda Frente Amplio) que sería Ministro de Gandería, Agricultura e Pesca entre 2005 e 2008 e, entre 2010 e 2015, Presidente da República.

Mariano Arana
Mariano Arana

Nun acto promovido polo concelleiro de cultura daquela hora, Juan Antonio Mouzo, ás 13:00 horas do 14 de maio de 2004 Mariano Arana Sánchez era recibido na Praza do Concello polo Alcalde arteixán Manuel Pose e, tras asinar no libro de honra, entraba no Salón de Plenos da Casa do Concello de Arteixo onde o agardaban os membros da corporación municipal e resto de autoridades que asistiran ao acto, entre elas o Presidente da Xunta, Manuel Fraga, o Conselleiro de Presidencia, Xaime Pita, e o de Emigración, Aurelio Miras, o Alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, e o Presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda, para asistir ao merecido nomeamento de Mariano Arana Sánchez como Fillo Adoptivo de Arteixo.