Ir o contido principal

O entroido 2019 será "galáctico"

A Concellaría de Cultura e Festas fai público o programa de Entroido 2019 que, nesta ocasión, adícase ao "Universo Galáctico".

A programación, entre o 2 e o 6 de marzo,aposta novamente polos concorridos e xa tradicionais concursos. O infantil de disfraces será, nesta ocasión, o domingo 3 de marzo, mentres que os de carrozas, comparsas e disfraces de adultos terá lugar o 5 de marzo no campo da festa. Repartiranse un total de 8.870 euros en premios. A bases dos distintos concursos podes velas aquí. 

O actor Fran Rei encabezará a tradicional Queima do Meco o mércores de cinza para acompañar aos veciños que o desexen no tradicional cortexo fúnebre que sairá da Praza do Balneario, percorrerá as principais rúas do centro da vila e rematará coa tradicional queima do meco no Anfiteatro.

Os máis pequenos teñen a súa propia programación centrada no sábado 2 de marzo con festa de inchables, chocolatada, obradoiros e baile coa DJ Noemí Miranda que tamén presentará o concurso infantil do domingo. 

O martes de Entroido contaremos cun animador moi especial, Marcos Pereiro. Actor desde moi novo, saltou á fama polas súas aparicións televisivas no Luar da Televisión de Galicia, coas Cantareiras de Ardebullo, participou en Terra de Miranda, Air Galicia, Vilamor, Tourilandia, A Casa da Conexa ou Buscando Ardebullo, entre outros tantos formatos e programas. En directo ven de lanzar o seu propio monólogo, Como ser Armario Empotrado, co que visitou o Auditorio de Arteixo o pasado mes de outubro. Un desternillante espectáculo que compaxina con outras actividades como facer de mestre de cerimonias en Arteixo e presentar o concurso de adultos.

 

 

Documentos: