Ir o contido principal

Prazo para solicitar praza na Escola Municipal de Música

A Concellaría de Igualdade, Servizos Sociais, Sanidade e Educación, abre o prazo de preinscrición para alumnado de nova incorporación á Escola Municipal de Música de Arteixo (EMMArteixo) para o curso 2020/2021.

O prazo estará aberto entre o 1 e o 12 de xuño de 2020  e aplícase ás dúas sedes (Arteixo e Meicende). As solicitudes deben ter entrada no correo electrónico habilitado ao efecto desde as 00:00 do día 1 de xuño e ata as 14:00 horas do último día do prazo (12 de xuño de 2020). As solicitudes remitidas fóra dese prazo non se admitirán.

No prazo que se abre, as solicitudes de preinscrición poderán formalizarse para as seguintes materias:

  • Música e Movemento para infancia con distintos grupos de idade. A formación nestes niveis promociona o achegamento á música, os seus elementos e a súa interrelación co desenvolvementos físico a través do ritmo. Os grupos son os seguintes:
    • Iniciación I para nados no 2016
    • Iniciación II para nados no 2015
    • Básica I para nados no 2014
    • Básica II para nados no 2013
  • Os cursos do grao elemental que incluirá como materias obrigatorias a linguaxe musical (actividade en grupo) e a práctica instrumental coa elección dun instrumento. Para acceder a este nivel o alumnado ten como único requisito ter nado no 2012 ou en anos anteriores.

Os instrumentos que se poden elexir (1 por persoa) son os seguintes: Acordeón, Canto, Clarinete, Frauta, Gaita, Guitarra, Percusión, Piano, Saxofón, Vento-metal, Violín, Violonchelo, Viola.

Para a adxudicación de prazas nas dúas sedes realizarase sorteo público que se celebrará nas instalacións da sede principal (en Arteixo, no Centro Cívico Cultural) o día 22 de xuño ás 10 horas. Non será posible o acceso libre a este acto polas condicións derivadas no COVID19.

O procedemento xeral para a adxudicación das prazas é o seguinte:

emma

No mes de outubro tamén se abrirá prazo de inscrición nas actividades de conxunto coa finalidade de ampliar a formación dos participantes nas mesmas (tanto alumando da Escola como persoas que opten por participar nesta formación grupal) sendo as seguintes:

  • Aula Folk
  • Combo
  • Coro infantil
  • Coro adultos
  • Orquestra

A EMMArteixo tamén ten oferta de actividades complementarias co obxectivo de ampliar coñecementos musicais con obxectivos, metodoloxías e didácticas diferentes:

  • Tecnoloxía musical: unha actividade semanal que utilizará os recursos tecnolóxicos en educación musical, medios audiovisuais, informática musical para conectar a creatividade coa producción musical.
  • Educación auditiva e vocal (para cursos específicos polas características da materia): formación complementaria de reforzo na formación teórica.
  • Musicoterapia:  actividade semanal con grupos de participantes reducido, a través da que se promove a comunicación, a aprendizaxe, o movemento, a expresión e/ou a restauración de funcións persoais a través da prevención, da rehabilitación e o tratamento terapéutico.

 

Para máis información: Pola situación derivada do estado de alarma e protocolos de actuación, o procedemento de preinscrición será o seguinte:

  • As presinscricións remitiranse por correo electrónico a Escola de Música (emmaarteixo@gmail.com) no modelo normalizado (autorecheable). Deberá especificarse no asunto “Solicitude de praza EMMArteixo + nome e apelidos da alumna/do alumno”.

O modelo está dispoñible na web municipal ou pode solicitarse por correo (emmaarteixo@gmail.com).

Cada persoa poderá presentar 1 solicitude por sede cun máximo de 2 instrumentos por solicitante/sede.

Este documento é autorrecheable. Adxuntarase como PDF. Terá validez sin a sinatura porque se verificarán os datos no momento de formalización da matrícula.

  • Para calquera información que se desexe solicitar, poderase utilizar o mesmo correo electrónico ou chamar ao teléfono 671582787 (en horario de mañá: de 9:30 h a 14:00 h)
  • O sorteo de adxudicación de prazas será gravado e poderase acceder a dita grabación solicitándoo previamente a través de correo electrónico, identificándose con DNI. Só poderá acceder o alumnado maior de idade ou a persoa titora que formalice a preinscrición do alumnado menor.
  • Para a formalización de matrícula a aquelas persoas que obteñan praza seralles remitido modelo a través de correo electrónico que conste na preinscrición. Será devolto debidamente cuberto no prazo ordinario establecido ao efecto.