Ir o contido principal

Rafael Souto, un arteixán nas semifinais do Mundial de 1954

 

De pai de Arteixo e nai de Carballo, que fixeran a maleta da emigración nos anos vinte do século pasado na procura das oportunidades que non tiñan na súa terra de nacemento, Rafael Ángel Souto Castro nace en Montevideo o 24 de outubro de 1930, tan só uns meses despois de que Uruguai conquistara, xogando coma país anfitrión, o primeiro Mundial da historia.

Cando era un cativo de poucos anos, xa se apreciaba no noso protagonista que podía ter futuro no mundo do balón demostrando, en cada partido que xogaba nas rúas do seu barrio, que tiña unhas condicións innatas para a práctica do fútbol.

Rafael Souto
Rafael Souto coa camiseta do Atlético de Madrid

O bo facer do rapaz chegaría aos oídos dos técnicos do Nacional de Montevideo, que o ficharían para as súas categorías inferiores na segunda metade da década dos corenta. Rafael debutaría no primeiro equipo en 1952, ano no que forma dianteira con Jorge Enrico, Julio Pérez, Héctor Rial e Javier Ambroi e, saborea por primeira vez as meles do éxito ao proclamarse campión da liga uruguaia cun Nacional no que había outros dous fillos de galegos: José Emilio Santamaría e Héctor Ríal, que non tardarían en fichar no Real Madrid.

As boas actuacións de Souto no seu equipo, onde habitualmente xogaba polas dúas bandas do ataque, deixando un pulmón en cada partido coas súas chegadas á portería contraria, levaríano a vestir a elástica da selección charrúa na Copa América de 1953 celebrada en Lima.

Alí, en Perú, o arteixán-carballés xogaría tres dos seis partidos do campionato e Uruguai acabaría ocupando o terceiro posto do torneo con 7 puntos, a só un de Brasil e Paraguai, campión e subcampión respectivamente.

 

Ao ano seguinte, en 1954, uns días despois de que Rocky Marciano revalidara por terceira vez o seu título de campión mundial dos pesos pesados, Souto viaxa a Europa para disputar o Mundial de Suiza co combinado charrúa, combinado no que tamén figuraba outro fillo de arteixáns: Óscar Míguez, futbolista campión do mundo en 1950 do que xa temos falado neste espazo.

Nos partidos da primeira ronda, ante Austria, Checoslovaquia e Escocia, Rafael Souto non disputaría nin un só minuto, o mesmo que lle acontecería no encontro de cuartos de final ante Inglaterra, no que os sudamericanos vencen aos británicos por 4-2. Sería no encontro de semifinais, ante Hungría, onde se produciría o seu debut, que viñera dado pola lesión de Julio Abbadie, mancado no partido anterior. Húngaros e uruguaios xogarían o que para moitos entendidos foi un dos mellores partidos da historia dos mundiais, enfrontamento que remataría 2-2 e que se resolvería na prórroga con dous goles de Kocsis para os europeos. Uruguai, sen a presencia de Souto nin de Míguez, despediríase do Mundial de 1954 perdendo 1-3 a final de consolación contra Austria.

Rafael Souto
Imaxe do Mundial de Suiza de 1954 na que o porteiro de Hungría, Gyula Grosics, golpea o balón baixo a presión de Rafael Souto

Unhas semanas despois de finalizar o Mundial de Suiza, Rafael asinaría un contrato por dúas tempadas co Atlético de Madrid, mais no cadro colchoneiro tería unha actuación bastante gris, xogando tan só catro partidos na campaña 1954/55, na que anota un gol na victoria por 4-1 que os madrileños consiguen ante o Alavés na 5ª xornada, e só un partido na 55/56, tempada na que acabaría xogando cedido no Elxe.

Rafael Souto
La Voz de Galicia, 25 de agosto de 1958

 

En 1957, volve ao Nacional de Montevideo e acada o título ligueiro co equipo dos seus amores, no que permanece ata que recibe a chamada do R.C. Deportivo da Coruña, naquela hora en Segunda División, para xogar dúas campañas. Na primeira delas, a 58/59, formando parte da dianteira que integra con Polo, Vigo, Moll e Manchón, Souto anota catro goles nos dezaoito partidos que xoga coma titular, unha actuación que, aínda demostrando boa técnica e dominio do balón, sería discreta polo que só permanecería no cadro deportivista unha das dúas tempadas que tiña asinadas. Rafael, tras o seu efímero paso pola terra na que naceran seus pais, voltaría a Uruguai, onde xogaría algúns anos máis ata a súa retirada definitiva dos terreos de xogo.