Ir o contido principal

Teatro, música e pintura na semana das Letras

Continuando coa Programación Cultural Manuel Murguía presente en todo o mes de maio para conmemorar as letras galegas, o próximo venres día 18 contaremos con teatro e música nos Auditorios de Meicende e Arteixo e poderemos visitar a exposición de pintura “Sucesos e vivencias” de Del Valle.

A exposiciónSucesos e vivencias” de C. Alberto Fernández del Valle abre hoxe, 11 de maio, as súas portas no CCC de Arteixo. Este pintor afeccionado residente en Arteixo achéganos unha colección de varias obras no que o surrealismo cobra especial protagonismo e que define claramente o estilo artístico deste autor. Con claras influencias de pintores como Dalí, René Magritte e Miró en outros, a súa obra é froito do seu mundo interior, de sucesos e vivencias que traslada ao lenzo.

A mostra poderase visitar até o 19 de maio na sala de exposicións deste centro.

Sucesos e vivencias

Ás 20:00 h, Malasombra Teatro regresa unha vez máis á Arteixo con DEP ao Auditorio do CSC de Meicende. Esta compañía de teatro, creada no 2006 polo actor Xoque Carbajal, é unha das que conta con máis distribución actualmente en Galicia e soe ser unha das habituais nas programacións da Concellaría de Cultura e Festas. Dep é unha trepidante comedia na que se mostra con moito humor, o egoísmo, a mentira e o engano entre irmáns ante a repartición dunha herdanza. Uns seres humanos que nos amosan o seu lado máis cruel, ante a disputa de bens materiais: "que mamá morra axiña por favor!".

Malasombra

A obra irá dirixida a público adulto, será con invitación a recoller 1 hora antes do espectáculo na Conserxería do mesmo centro até completar a capacidade da sala.

Ás 20:30 h, terá lugar o concerto “Entremares” da man de Proyecto Entremares no Auditorio do CCC de Arteixo. O dúo formado no 2016 por José Luís Fraga, (clarinete e saxofón) e Daniel Santos (guitarra), tivo unha calurosa acollida por parte dos medios participando na RNE, Radio Clásica, Radio 3 ou Radio 5.

Entremares

Case a totalidade das melodías que conforman o seu repertorios son composicións orixinais de ambos os dous músicos, e suxiren unha viaxe a través da música popular, tradicional e outros diversos estilos que influenciaron a este dúo.

O concerto está dirixida a todos os públicos cun custo de entrada de 3 € para todo o público e de 2,25 € para as persoas maiores de 65 anos e estudantes de ensinanzas homologadas. A venda de entradas realizarase o mesmo día da función en horario de 11:30 a 13:30 h e 2 horas antes do acto na Billeteira do CCC de Arteixo, até completar a capacidade da sala. O nº máximo de entradas por persoas será de 5. O dereito a redución deberá acreditarse documentalmente (ordenanza fiscal nº34).

Ambos espectáculos están enmarcados na Rede Cultural da Deputación da Coruña