Ir o contido principal

Un insubmiso no auditorio de Arteixo

César Goldi foi xulgado en 1993 e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria, cumprindo condena no cárcere da Coruña.

A súa experiencia, en primeira persoa, chega este venres 9 de Novembro ao Centro Cívico a través de "Goldi Libre¡". Trátase dun traballo de teatro documento sobre o movemento de insubmisión, un dos primeiros e máis fortes movementos de desobediencia civil xurdidos despois da Transición en España, que levou a centos de xoves ao cárcere como presos de conciencia e que tivo como consecuencia inmediata a suspensión do servizo militar obrigatorio despois de máis de 150 anos de vixencia.

Goldi libre é o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral promovido e custodiado por Chévere, en Teo co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que cambian ou cambiaron o mundo. 

A venda de entradas (3 e 2,25 €) realizarase mañá, día da función, en horario de 11:30-13:30 h e 2 h antes da actuación.

O espectáculo complétase coas fotografías de Marcos Rodríguez recollidas baixo o título “Miradas de marfil”, que permanecerán expostas ata o día 7 de decembro na Sala de Exposicións do CCC.  Unha trintena de instantáneas tomadas na súa última viaxe a Costa de Marfil xunto coa ONG Égueire de Cooperación Exterior Internacional que poñen a súa mirada sobre a infancia como fío condutor da mostra.