Ir o contido principal

A web municipal estrea o "Banco dos Recordos"

A páxina web do Concello de Arteixo estrea un apartado que pretende, a través das reportaxes elaboradas pola xornalista Maica Rodríguez, enriquecer a historia e o patrimonio locais coa participación activa dos veciños. 

Os vídeos, que se atoparán nun lugar destacado da páxina, ofrecen entrevistas nas que a veciñanza conta as súas vivencias e lembranzas do Arteixo de antano. 

Neste primeiro vídeo, María Ferrín Torres (Arteixo, 1940) recorda o dura que era a escola e o diferente que se comportaban os rapaces e rapazas nos bailes. Lembra que de nena viu a Alfonso Molina (alcalde da Coruña) no Entroido de Arteixo, ao que tamén asistiu o actor Xan das Bolas, porque “Arteixo era moi coñecido”.

E non só o Entroido arteixán era xa popular neses anos, tamén romarías como as de Pastoriza estaban cheas de xente, como recorda Angélica Naya Pan, Geluca,  (Pastoriza, 1932) quen ten máis dunha anécdota co fundador de Inditex, Amancio Ortega, no seu restaurante Casa Lola. O popular bar recibe o nome da súa nai, unha muller moi coñecida en Pastoriza e que tiña unha relación moi especial cos militares da batería de Monticaño, como lembra con cariño.