Ir o contido principal

A xestión da auga en Arteixo chega a Honduras

Seis alcaldes e unha alcaldesa do sur de Honduras visitaron hoxe Arteixo para coñecer a xestión pública da auga e o saneamento. A actividade encádrase no proxecto que o Foro Galego de Cooperación e Solidariedade financia con 36.740 euros á ONGD Enxeñería Sen Fronteiras para fortalecer as capacidades técnicas dos sete municipios centroamericanos, a fin de que poidan mellorar estes servizos nas comunidades rurais. Os representantes públicos hondureños entrevistáronse co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e varios concelleiros de diferentes áreas de cara a saber o funcionamiento do sistema público da xestión da auga en Arteixo.

San Lorenzo, Amapala, Nacaome, Marcovia, Goascorán, Namasigüe e El Triunfo son as vilas costeiras que integran a mancomunidade Nasmar, no Golfo de Fonseca, cuios representantes visitan Galicia para coñecer o funcionamento dos sistemas de abastecemento e saneamento.

En canto á iniciativa que se está a implementar sobre o terreo, o obxectivo é ampliar o acceso á auga potable e ao saneamento da poboación rural de Honduras, como dereito humano básico, mediante unha xestión integrada que contemple enfoques de transparencia e participación cidadá, entre outros. Para conseguilo, estanse a levar a cabo diversas accións a fin de fortalecer as capacidades municipais neste senso, comezando por formar ao persoal no manexo de programas onde integrar os datos e realizar a planificación hídrica

Os municipios da mancomunidade Nasmar suman preto de 210.000 habitantes, dos que aproximadamente o 70% non dispoñen dunha traída en condicións axeitadas. Na zona rexístranse ademais altos índices de desigualdade e pobreza, por enriba da media do Estado que se sitúa no 65%. Cómpre ter en conta asemade que Honduras é un país altamente vulnerable ao cambio climático, debido á súa degradación medioambiental, e está considerado un dos máis afectados por fenómenos meteorolóxicos extremos, como furacáns e secas.

honduras