Ir o contido principal

As xornadas de tapeo de Nadal complementan a tradicional Feira do Galo

O Concello de Arteixo a través da Concellaría de Promoción e Desenvolvemento, celebra desde o ano 1992 o Feirón do Galo de Nadal, evento coñecido tamén coma Feira do Galo.

A data de celebración está fixada desde o seu nacemento para o sábado anterior á Noiteboa. Este ano coincide o próximo sábado, converténdose nunha das citas máis coñecidas da comarca coruñesa onde se mestura gastronomía, comercio e lecer.

Coma calquera outro sábado, os comerciantes e feirantes achéganse a Arteixo e ofrecen os seus singulares produtos, diferentes a calquera outro sábado de feira. Acoden cos galos que crían eles mesmos e proceden deste municipio pero tamén doutros limítrofes. Todos os exemplares entran nun concurso onde o xurado elixe os mellores e nun acto público entréganse diferentes premios en metálico.

Este ano continúase coas Xornadas de Tapeo no Nadal nas que participan dezanove establecementos hostaleiros e, en torno á Feira do Galo, ofrecen petiscos relacionados coas comidas típicas destas datas elaborándoas segundo o seu criterio e escollendo un nome en galego para cada petisco. Este ano participan dezanove establecementos hosteleiros do municipio nas Xornadas de Tapeo, que comezan mañá xoves.

Na feira do Galo, na que se esperan arredor de cincuenta criadores, desarrollarase as 13.00 horas o pregón que estará ofrecido pola actriz María Tasende, que participa en varias series de televisión de alcance autonómico e nacional. Tamén haberá música por parte da asociación cultural Triskell, As Revolteadoras e Pandereteiras sen fronteiras. Os premios nas categorías de Galo Vivo son o primeiro que estará dotado con 300 euros, o segundo con 150 euros, o terceiro con 90 euros e o cuarto con 40 euros. Na categoría de cesta de galo preparado o primeiro premio de cesta mellor preparada será de 60 euros, o segundo premio de cesta mellor presentada é de cincuenta euros e o terceiro estará dotado con 40 euros.