Ir o contido principal

Servizos Económicos

Os Servizos económicos municipais inclúen as funcións de: 

  1. Intervención
  2. Tesouraría
  3. Xestión tributaria

As funcións da Intervención municipal son as de contabilidade e control interno.

A función de contabilidade comprende o desenvolvemento da contabilidade financeira e de seguimento da execución orzamentaria segundo as normas xerais e as súas normas propias. Tamén lle corresponde a inspección da contabilidade dos organismos autónomos e das sociedades mercantís dependentes da entidade local.

No exercicio da función, Intervención fiscaliza os actos que dan lugar ao recoñecemento e liquidación de dereitos e obrigas, os ingresos e pagos, e á recadación, investimento e aplicación dos fondos públicos para que se axusten á normativa aplicable.

No exercicio da función de control financeiro comproba o funcionamento no aspecto económico-financeiro dos servizos municipais, dos seus organismos autónomos e das sociedade mercantís dependentes, mediante o sistema de auditoría, para informar sobre a adecuada presentación da información financeira e o cumprimento das normas.

O control de eficacia comproba periodicamente o grao de cumprimento dos obxectivos, a análise do custe de funcionamento e o rendemento dos servizos e investimentos.

A Tesouraría Municipal  realiza o control, manexo e custodia de fondos, valores e efectos; as propostas de execución de resolucións en materia de captación de recursos e da súa rendibilización e tamén exerce a xefatura dos servizos recadatorios.

 

O servizo de Xestión, Recadación e Inspección ocúpase de realizar as xestións encamiñadas á consecución material das liquidacións dos tributos e doutros ingresos municipais, así como das recadacións, ao tempo que procura facer efectivo o principio de xeneralidade nas cargas tributarias dos obrigados ao pagamento a través da sección de inspección tributaria.