Pasar al contenido principal

Turismo

 O Concello de Arteixo está situado na provincia da Coruña, no extremo máis occidental do Golfo Ártabro, onde se insiren as rías de Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña, reflexo dun territorio que puido estar poboado polos Ártabros ou Arrotrebas.

Arteixo linda coa cidade da Coruña e tamén é a porta de entrada cara a Costa da Morte, cuxa impresionante natureza é un dos reclamos mellor gardados de Galicia

O territorio arteixán é un lugar de paso para acceder á vila de Caión compartindo o camiño que percorren milleiros de persoas romeiras ao seu Santuario da Virxe dos Milagres.

Para achegarse a Arteixo temos a autovía estatal do Noroeste A-6 que se achega á coñecida rotonda de Sabón. Desde A Coruña hai varias opcións. Unha delas é a estrada autonómica AC-552 A Coruña – Fisterra (por Vilarrodís), outra é elixir a estrada municipal AC-415 ao seu paso por Meicende e Pastoriza. Tamén temos a opción de circular pola autoestrada autonómica, de peaxe, A Coruña – Carballo AP-55 que conta cunha saída na rotonda de Sabón. Outras opcións vindo igualmente da Coruña son a estrada provincial CP-0512 O Campo - Birloque por Uxes ou a estrada provincial CP-0510 por Confurco-Uxes e ramal a Orro, entre outras.

Desde os Concellos de Culleredo e A Laracha, que lindan co de Arteixo, tamén hai accesos viarios con menos tránsito o que posibilita coñecer mellor a vida cotiá e o espazo rural arteixán.

A paisaxe de Arteixo é rica e variada. Combina espazos de interior cunha ampla franxa de litoral bañada polo Océano Atlántico o que lle confire a este municipio unha identidade e unha singularidade especial para gozar do tempo de lecer cos seus fermosos areais, calas ou cantís, completados con fermosos paseos na contorna do interior que permiten observar os valores etnográficos que este municipio posúe de seu.

 

Mapa

 

Oficina de Turismo de Arteixo:

Avenida de Fisterra, s/n, 15142 Arteixo

981 659 177

turismo@arteixo.org

 

Horario de atención ao público:

De luns a venres en horario de mañán de 9:30 a 14:00.

 

 

Oficina de turismo